Pestanas principais

Esta fin de semana celébranse as festas de Bertamiráns que inclúen a terceira edición da festa do porco á brasa

Martes, 08 de agosto de 2017

[08-08-2017] Do 11 ao 13 de agosto, Bertamiráns estará en festa. Serán tres días, nos que se incluirán a III Festa do Porco á Brasa e diversas actuacións musicais como a do grupo Alborada, a charanga Tíralle do Aire e as orquestras Capitol, Tamarindos, Poceiro e Los Player´s. O pregón correrá a cargo do xornalista amesán da TVG, Diego Viaño.

As festas da Peregrina darán comezo este venres, 11 de agosto, ás 22:00 horas. A esta hora terá lugar o pregón a cargo de Diego Viaño, xornalista e veciño de Ames, coñecido, entre outras cousas, por ser un dos encargados de dar o tempo na Televisión de Galicia. Após o pregón, comezará a III Festa do Porco á Brasa, cuxos billetes poden ser mercados anticipadamente no Bar Mero, na Casa Abelleira e ás propias persoas da comisión. O remate da cea haberá actuación do grupo Alborada.

O segundo día de festexos iniciárase, ás 10:00 horas, coa tirada de 21 bombas de palenque. Este día, a vila estará animada, entre as 11:00h e as 19:00 horas, polo pasarrúas da charanga Tíralle do Aire. Ás 12:30h haberá unha misa solemne e ás 14:00 horas comezará a sesión vermú co grupo Alborada. De tarde, entre as 18:00h e as 21:00 horas, haberá inchables no parque da Travesía do Rueiro. Cara ao final do día, ás 21:00 horas, terá lugar unha misa e unha procesión de fachos. Por último, ás 22:00 horas, dará comezo a verbena no Campo da Peregrina coas orquestras Capitol e Tamarindos.

O domingo, a última xornada de festa comezará ás 10:00 horas coa tirada de 21 bombas de palenque e co pasarrúas do grupo de gaitas Os Castros de Ames, que tamén ofrecerá unha actuación de baile, a partir das 12:00 horas, na praza da Maía. Tamén nesta praza, a partir das 11:00 horas, estará a banda de música de Santa Cruz de Ribadulla, a cal acompañará a procesión, que terá lugar despois da misa solemne das 12:30 horas. Ás 14:00 horas haberá a tradicional tirada de fogos de artificio e sesión vermú coa orquestra Poceiro. Xa pola tarde, ás 19:30h, no campo municipal, terá lugar o XIV Trofeo de Fútbol “Cafe Don Budi”. Finalmente, as festas da Peregrina de Bertamiráns rematarán este día coa actuación, no Campo da Peregrina, das orquestras Poceiro e Los Player´s, a partir das 22:00 horas.

III Festa do Porco á Brasa
A III Festa do Porco á Brasa terá lugar o vindeiro venres, 11 de agosto, a partir das 22:00 horas. Os billetes xa poden ser mercados no Bar Mero, na Casa Abelleira ou ás propias persoas que fan parte da comisión. O recomendable é adquirilos antes do propio día. Este ano houbo unha rebaixa no prezo dos billetes: o das persoas adultas está a 18 euros mentres que e o dos menores de 12 anos está a 8 euros. Nesta Festa do Porco á Brasa, vaise poder degustar, alén do propio porco, empanada como primeiro prato e diferentes sobremesas.

Contido relacionado


Ames Go: "Bertamiráns celebrará a súas festas neste fin de semana"
La Voz de Galicia: "Bertamiráns abre mañana sus fiestas con Porco á Brasa"
El Correo Gallego: "Comezan as Festas da Peregrina co pregón do locutor Diego Viaño hoxe en Bertamirans"
Nós Televisión: "Bertamiráns celebra do 11 ao 13 as súas festas que inclúen a III Festa do porco á brasa"