Pestanas principais

Esta fin de semana celébranse dous partidos benéficos no Concello de Ames

Venres, 28 de decembro de 2012

[28-12-2012] Este sábado, 29 de decembro, e o domingo, 30 de decembro, haberá dous eventos deportivos que teñen como obxectivo recadar diñeiro e xoguetes para que os nenos e nenas con menos recursos teñan un agasallo o día de Reis. O sábado celebrarase un partido de fútbol que enfrontará a un equipo formado por xogadores do Bertamiráns FC e do Milladoiro SD contra outro equipo de famosos. Este encontro, que comezará ás 17:00 horas, disputarase no campo municipal de Bertamiráns. Un día despois, o pavillón polideportivo de Bertamiráns acollerá, ás 18:00 horas, o IV partido benéfico de baloncesto Concello de Ames. O XL Milladoiro medirase contra un equipo composto por persoas famosas e ex-xogadores da ACB.

Un ano máis o baloncesto e o fútbol servirán para ter un Nadal máis solidario en Ames. O pavillón polideportivo de Bertamiráns acollerá este domingo día 30 de decembro, ás 18:00 horas, o IV partido benéfico de baloncesto Concello de Ames. O XL Milladoiro disputará un partido amistoso contra un equipo composto por persoas famosas e ex-xogadores da ACB entre os que estarán Miguel Juane, Aldrey, Lolo Castro, Tonecho Lorenzo, Julio Jiménez, Fran Sánchez, e Labodrama, entre outros.

Ademais, o Concello de Ames contará coa colaboración de varios xogadores do Obradoiro CAB, que estarán no partido e asinarán autógrafos entre aquelas persoas que acudan a este evento deportivo. Este ano o diñeiro recadado destinarase á campaña que están levando a cabo os locais hostaleiros Bobber e Don Budi. Estes establecementos están recollendo diñeiro e xoguetes para que os nenos/as con menos recursos de Ames teñan un agasallo o día de Reis. Todas as persoas que acudan a este evento participarán no sorteo de distinto material deportivo cedido por diferentes entidade de xeito desinteresado.

Partido solidario de fútbol
Por outra banda, este ano púxose en marcha outra iniciativa solidaria na que participarán o Bertamiráns FC e o Milladoiro SD. Estes dous equipos disputarán un partido de fútbol contra un equipo de famosos. Este evento deportivo celebrarse este sábado 29 de decembro, ás 17:00 horas, no campo municipal de Bertamiráns.

Ademais, durante todo o día haberá partidos amistosos entre os equipos das categorías inferiores do Bertamiráns FC e do Milladoiro SD. Estes partidos comezarán ás 11:00 h cun partido entre os equipos infantís e ás 12:15 h. haberá outro encontro, neste caso entre os equipos das categorías cadete. Xa pola tarde, ás 16:30 horas haberá outros dous partidos, por unha banda entre os equipos benxamíns e outro entre os equipos alevíns.

Para poder asistir a este evento deportivo haberá que entregar un xoguete como entrada. Ao igual que no caso anterior, todos os xoguetes serán destinados á campaña que están levando a cabo os locais hostaleiros Bobber e Don Budi co obxectivo de recoller xoguetes para as familias máis necesitadas de Ames.

Contido relacionado


La Voz de Galicia: "Javier Gómez Noya, Óscar Pereiro o Tamara Echagoyen se medirán al XL Milladoiro de baloncesto en un partido benéfico"