[01-07-2016] Este domingo ás 13:00 horas tres mulleres van tomar a praza da Maía de Bertamiráns. Son Patricia de Lorenzo, Mónica García e Arantza Vilar e veñen como as Fillas Bravas, un dos espectáculos da compañía de teatro Chévere. As Fillas Bravas son “fillas do vento, mulleres de andar a pé de toxo” e chegan ante o público con coplas inspiradas en cantos tradicionais galegos, ben orgullosas do seu pasado.
O proceso creativo do espectáculo “Fillas Bravas” foi posible grazas a todo o traballo de investigación que ten detrás. Procuras sobre a sexualidade, as relacións de xénero e os roles da muller na sociedade tradicional. Interrogantes que atopan resposta en versos do cancioneiro popular galego, que foi analizado e do que se extraeu unha escolma e adaptación de coplas das que saen as que escribe Manuel Cortés. A compañía continúa así un dos seus camiños que comezou con obras como “Testosterona” ou “Citizen”, o teatro cunha perspectiva de xénero. Todo sen deixar de lado unha das mellores ferramentas que mellor emprega Chévere: o humor.
Este espectáculo enmárcase na programación de verán, que a semana que vén trae a Sés. A cantautora galega ofrecerá un concerto gratuíto no Pazo da Peregrina o venres 8 de xullo. Nel presentará o seu último traballo “Tronzar os valos”.
Noites na Terraza no Milladoiro
A Asociación Cultural A Madalena, coa que colabora o Concello de Ames, organiza entre o venres 1 e venres 15 cinco noites de concertos nas terrazas de diferentes locais do Milladoiro. O primeiro deles terá lugar este venres, primeiro día de xullo; Miguel Araujo e Tamara Pérez tocarán ás 22:00 no local “A Barbería”. O xoves 7, ás 21:30 horas, o grupo vigués “América” interpretará algúns dos mellores temas da década dos 80 no bar Entreportas. O venres 8 de xullo The Funkles continuarán con esta serie de concertos na Cafetería Central, ás 22:00 horas.
Na segunda semana de concertos actuarán o Club Naval o xoves 14, a partir das 21:30 horas, na cafetería Gallaecia. Para pechar este pequeno ciclo tocará a Banda de Nash na Cervexería Curmáns, o venres 15 a partir das 22:00 horas.




