Pestanas principais

Está aberto o prazo para que os establecementos amesáns poidan inscribirse na campaña de tarxetas bono "Ames Progresa"

Venres, 04 de febreiro de 2022

Dende a Concellaría de Promoción Económica lembran que ata o 15 de febreiro está aberto o prazo para que os establecementos amesáns se poidan adherir á campaña de tarxetas bono Ames Progresa. O trámite de inscrición hai que facelo a través da Sede electrónica do Concello de Ames. Poden adherirse á campaña todos os comercios e locais de hostalería e restauración do termo municipal de Ames, excepto os espazos de gran distribución destinados á alimentación (hipermercados ou supermercados pertencentes a grandes cadeas), as estacións de servizo de combustible e as salas de xogo/apostas. Quedarán tamén excluídos as farmacias e demais establecementos sanitarios, así como os estancos. Na actualidade hai adheridos á campaña 100 establecementos.

Por segundo ano consecutivo o Concello de Ames, a través da Concellaría de Promoción Económica, pon en marcha unha campaña de tarxetas bono para gastar no comercio local de Ames. Deste xeito, abriuse un prazo dun mes, que remata o 15 de febreiro, para que os establecementos amesáns que estean interesados se poidan inscribir en dita campaña. Na actualidade hai adheridos á campaña 100 establecementos.

Poderán adherirse á campaña todos os comercios e locais de hostalería e restauración do termo municipal de Ames, excepto os espazos de gran distribución destinados á alimentación (hipermercados ou supermercados pertencentes a grandes cadeas), as estacións de servizo de combustible e as salas de xogo/apostas. Quedarán tamén excluídos as farmacias e demais establecementos sanitarios, así como os estancos. A modo aclaratorio quedan incluídos dentro da campaña as ópticas, as clínicas veterinarias, os psicotécnicos, as clínicas dentais, os establecementos ortopédicos e as parafarmacias.

Cómpre destacar que os establecementos que se adheriron á campaña en 2021, se están interesados, deben volver facer a inscrición para poder participar na campaña de 2022. Asemade, poden inscribirse establecementos novos que non participaran na edición anterior.

Os establecementos interesados poderán inscribirse na campaña ata o 15 de febreiro. O trámite realizarase a través da Sede electrónica do Concello de Ames. Para iso hai que acceder á Sede electrónica e na marxe dereita do portal, debaixo dos apartados de Cita previa e Trámites liña, existe unha listaxe de trámites que podes realizar desde a Sede Electrónica. Deste xeito, hai que premer sobre Promoción Económica e despois sobre Tarxetas bono Ames Progresa. Cómpre lembrar que para poder realizar dito trámite hai que dispor de certificado electrónico.

A concelleira de Promoción Económica, Ana Belén Paz, anima a todos os establecementos de Ames, que estean interesados, a inscribirse na campaña Ames Progresa. “Aínda quedan algo máis de 10 días para poder tramitar as inscrición, polo que animo ás propietarias e propietarios de establecementos amesáns a tramitar a inscrición nesta iniciativa que tan ben funcionou na edición anterior”. Ana Belén Paz tamén lembrou que “nas dúas fases da edición de 2021 puxéronse en movemento un total de 430.000 euros. Quero agradecer ás tres asociacións de empresarios que temos no concello por volver un ano máis a colaborar na venda das tarxetas, e por seguir apoiando ao comercio e a hostalaría amesá”.

A campaña comeza o 1 de marzo
A campaña Ames Progresa desenvolverase neste ano 2022 entre o martes 1 de marzo e o sábado 30 de abril, nos que a potencial clientela do tecido comercial e da hostalaría amesá poderá facer uso das súas tarxetas bono. Ás tarxetas en funcionamento durante a anterior edición sumaranse 500 novas, que nesta ocasión terán un valor de 50 euros, cun prezo de 30 euros para a veciñanza.

Todas aquelas persoas que adquiriron unha tarxeta bono na edición de 2021, poderán recargala por valor de 50 ou 100 euros (só se poderá recargar unha tarxeta se se dispón das dúas), pero non poderán adquirir unha nova da edición de 2022. Terán que usar a tarxeta que xa teñen da edición anterior. Deste xeito, as tarxetas bono da edición anterior poderanse recargar polo mesmo valor que tiñan o ano pasado.

Do valor total da tarxeta de 50 euros, a persoa beneficiaria aportará 30 euros e o Concello de Ames 20, mentres que na de 100 euros, as beneficiarias achegarán 60 e o Concello, 40 euros. No caso de posuír ambas tarxetas da edición do 2021, deberase escoller cal das dúas se quere recargar, xa que só se permite unha tarxeta como máximo por persoa. Tanto as novas solicitudes como as recargas das tarxetas-bono xa existentes comezarán a partir do martes 1 de marzo.

Cun investimento duns 75.000 euros para as tarxetas bono, o Concello de Ames aportará o 40% do valor de cada tarxeta-bono, sendo a persoa beneficiaria a que engada o 60% restante. Será a parte aportada polas beneficiarias a que se gaste primeiro nas compras nos comercios e empresas amesás. Por esta razón, non se devolverá o importe dos bonos unha vez rematada a campaña.

A Xuntanza de Empresarios de Ames (XEA) é a entidade colaboradora do Concello nesta ocasión, mais cómpre sinalar que as outras dúas asociacións empresariais e comerciais amesás, Viorneira Palmira Bulevar e Parque Empresarial Novo Milladoiro, chegaron a un acordo con XEA para que xestione a campaña.

Novas relacionadas:

Lindeiros: "Ames prepara unha nova emisión de bonos e anima aos comerciantes a participar"

Enfoques: "Abierto el plazo para que los establecimientos se inscriban en la campaña ‘Ames Progresa"

Imaxe de arquivo de establecementos comerciais de Bertamiráns