Pestanas principais

Está aberto o prazo para preinscribirse ou renovar praza nos servizos complementarios de educación e conciliación

Sábado, 19 de marzo de 2022

O Concello de Ames abriu do 1 ao 31 de marzo o prazo para que as persoas usuarias dos servizos complementarios de educación e conciliación poidan preinscribirse ou renovar praza para o curso 2022-2023, na Rede de Comedores Escolares e nos programas Bos Días Cole e Tardes Divertidas. As persoas interesadas poden realizar a tramitación administrativa das súas solicitudes a través da páxina web de Conciliames, presentando a documentación asinada dixitalmente na Sede electrónica do Concello de Ames. Tamén poden entregala en papel nas oficinas de asistencia en materia de rexistro do Concello de Ames, pedindo cita previa na Sede electrónica. Ademais, as persoas sen Internet poden solicitar asistencia presencial chamando ao 981 891 476.

O departamento de Educación do Concello de Ames abriu un ano máis o prazo de preinscrición e renovación de praza para os servizos complementarios de educación e conciliación, que engloban á Rede de Comedores Escolares e nos programas Bos Días Cole e Tardes Divertidas do vindeiro curso 2022-2023.

As persoas usuarias que desexen obter praza por primeira vez terán que realizar a correspondente preinscrición, mentres que os que xa estean de alta nestes servizos na actualidade poderán renovar a súa praza. No caso de non realizar a renovación no período de tempo estipulado perderase a praza. O mesmo acontece se teñen algunha débeda pendente co Concello de Ames.

Para obter máis información sobre o proceso de preinscrición e renovación de praza pódese premer nas seguintes ligazóns:

Información sobre o proceso de renovación para o curso 2022-2023.

Información sobre a preinscrición para o curso 2022-2023.

Como facer as preinscricións e renovacións

A tramitación das preinscricións e da renovación pódese realizar a través da páxina web www.conciliames.gal. O prazo para poder facer esta xestión está aberto dende o 1 ao 31 de marzo. Posteriormente, abrirase un prazo para formalizar a matrícula de cara ao vindeiro curso.

Unha vez feita a preinscrición ou renovación haberá que xerar o arquivo coa solicitude, asinalo dixitalmente e presentalo a través do Rexistro telemático da Sede electrónica.

Outra opción é imprimilo en papel, firmalo e presentalo nas Oficinas de asistencia en materia de rexistro do Concello de Ames, situadas na Casa do Concello, en Bertamiráns; ou na Oficina municipal do Milladoiro. Para acudir a ditas oficinas, solicitarase cita previa a través da sede electrónica do Concello de Ames. Por último, tamén se pode presentar o impreso de solicitude en calquera outro rexistro ao que se refira o artigo 16 da Lei 39/2015 do 1 de Outubro de Procedemento Administrativo Común das AAPP.

Ademais, as persoas que non teñan acceso a Internet poderán realizar os trámites correspondentes de maneira presencial, no Departamento de Educación, situado no Pazo da Peregrina, ou na oficina municipal do Milladoiro, pedindo cita previa no teléfono 981 891 476.

Páxina web de Conciliames

O sistema de renovación e preinscrición online para os servizos complementarios de educación e conciliación é o mesmo que se empregou os últimos anos. As persoas que xa empregaron este servizo anteriormente non teñen que volver a darse de alta. No caso de non ter as citadas claves poderá solicitalas desde a mesma páxina. Os novos usuarios ou usuarias deben premer na ligazón de crear conta. Despois xa se poderá iniciar sesión para facer as xestións que se estimen oportunas.

Ademais, entrando na páxina web de Conciliames os usuarios ou usuarias dispoñen dun simulador de cotas. Este cálculo será de orientación, suxeito á comprobación do expediente por parte do departamento de Educación.

Os servizos complementarios de educación e conciliación do Concello de Ames

Estes programas teñen como principal obxectivo conciliar a vida familiar e laboral de todos os veciños e veciñas de Ames. Os servizos complementarios de educación e conciliación (Rede de Comedores Escolares, Bos Días Cole e Tardes Divertidas) ofértanse nas instalacións dos cinco centros de Educación Infantil e Primaria públicos de Ames: CEIP Agro do Muíño, CEIP A Maía, CEIP de Barouta, CEP de Ventín e EEI do Milladoiro. Ademais, os servizos de Bos Días e os Comedores Escolares ofértanse tamén na EEI A Igrexa e EEI de Covas.

Para máis información pódese poñer en contacto co departamento de Educación en Bertamiráns chamando ao teléfono 981 891 476 ou no enderezo electrónico educacion@concellodeames.gal.

Novas relacionadas

El Correo Gallego: "Este mes acabará el plazo para el comedor y concilias"

Está aberto o prazo para preinscribirse ou renovar praza nos servizos complementarios de educación e conciliación