Pestanas principais

Está aberto o prazo para participar no proxecto Enreguéifate impulsado polos concellos de Ames, Compostela e Teo

Martes, 30 de abril de 2019

Xa está en marcha unha nova edición do proxecto Enreguéifate, impulsado polos concellos de Ames, Santiago e Teo, para promocionar o uso do galego a través da improvisación oral en verso. Ata o 10 de xuño estará aberto o prazo de inscrición para presentar os vídeos ao certame de regueifas. En Ames impartíronse varios obradoiros formativos de regueifa nos institutos do Milladoiro e Bertamiráns e no CEIP da Maía, nos que participaron 300 alumnos e alumnas de 1º e 2º da ESO e de 3º de primaria. Ditos obradoiros foron impartidos por Josinho da Teixeira, Sara Marchena, Lupe Blanco e Alba María.

O proxecto Enreguéifate, promovido polos concellos de Ames, Santiago de Compostela e Teo, busca difundir a improvisación oral en verso e en galego. Dende o pasado 1 de abril está aberto o prazo para a presentación de vídeos, que se estenderá ata o 10 de xuño. Como en edicións anteriores, establécense dúas categorías: unha xeral, na que pode participar calquera persoa; e unha escolar, dirixida ao alumnado de ensino non universitario, que representarán ao seu centro educativo. Os vídeos terán unha duración máxima de tres minutos, e neles deben aparecer cando menos dúas persoas.

Haberá premios para as mellores regueifas en seis categorías: a regueifa máis brava, a máis aguda, a máis diversa, a máis reivindicativa, a mellor cantada e a mellor falada. A entrega de premios será o 27 de setembro, nun acto que se vai celebrar no Teatro Principal, en Santiago de Compostela. Os concellos promotores veñen de publicar hoxe este vídeo promocional do Enreguéifate 2019.

Precisamente, para formar e animar ao alumnado a participar neste proxecto, impartíronse varios obradoiros formativos en varios centros de ensino de Ames. Esta actividades realizouse nos institutos do Milladoiro e de Bertamiráns, así como no CEIP da Maía. Nestas actividades participaron 150 alumnos/as de 2º da ESO do IES de Bertamiráns; 100 rapaces e rapazas de 1º da ESO do IES do Milladoiro; e 50 nenos e nenas de 3º de primaria do CEIP da Maía.

Durante 90 minutos, as mozas e mozos compuxeron unha serie de versos seguindo a estrutura da regueifa, que consiste nunha disputa dialéctica na que a improvisación, a imaxinación e a rima son os protagonistas. Para rematar, cada un dos grupos cantou as súas regueifas diante dos compañeiros e compañeiras. Os encargados de impartir estes talleres foron Josinho da Teixeira, Sara Marchena, Lupe Blanco e Alba María.  Incentivo para o uso oral da lingua galega
Mediante esta iniciativa preténdese incentivar o uso oral da lingua galega e outorgarlle á mocidade ferramentas discursivas a través da improvisación oral, ao tempo que se pon en valor a lingua e se proporcionan recursos musicais e soporte para o desenvolvemento da regueifa. Para isto achégase ao alumnado á estrutura tradicional da regueifa e inícianse nos mecanismos de canto, versificación e escollas léxicas.

A través destes talleres non só se busca dotar de recursos de lecer en lingua galega, senón que tamén se lle amosa á mocidade a importancia de utilizar unha linguaxe non sexista e non homófoba. Neste senso, búscase que os mozos e mozas sexan quen de detectar o machismo nas coplas tradicionais, co obxectivo de propiciar un diálogo entre tradición e modernidade que leve a un cambio discursivo e de actitude.

Como novidade, este ano o programa Enreguéifate elaborou unha unidade didáctica específica, que foi distribuída entre o profesorado para facilitar pautas para traballar coa regueifa nas aulas. O material foi preparado por Manolo Maseda e Sechu Sende. Para obter máis información pódese acceder á web https://enregueifate.gal/ ou chamar ao número de teléfono do Servizo de Normalización Lingüístico de Ames, 662 37 72 15, en horario de 9.00 a 14.00 horas.

Ligazóns

Está aberto o prazo para participar no proxecto Enreguéifate impulsado polos concellos de Ames, Compostela e Teo

Multimedia

  • Está aberto o prazo para participar no proxecto Enreguéifate impulsado polos concellos de Ames, Compostela e Teo
  • Está aberto o prazo para participar no proxecto Enreguéifate impulsado polos concellos de Ames, Compostela e Teo
  • Está aberto o prazo para participar no proxecto Enreguéifate impulsado polos concellos de Ames, Compostela e Teo