Pestanas principais

Está aberto o prazo para participar na segunda edición do Premio Lingua e Empresa que promove o uso do galego na actividade empresarial amesá

Mércores, 23 de outubro de 2019

O Concello de Ames, a través do Servizo de Normalización Lingüística e do departamento de Promoción Económica, puxeron en marcha por segundo ano consecutivo o Premio Lingua e Empresa, co obxectivo de recoñecer o uso e fomento da lingua galega na actividade empresarial. Optarán a este galardón todas as empresas, con sede social ou centro de actividade no concello de Ames, que sexan propostas ata o 31 de outubro por calquera persoa ou entidade, ou pola propia empresa que queira participar.

Esta iniciativa ten como finalidade promover o uso do galego na actividade económica do Concello de Ames, concretamente na actividade empresarial, e recoñecer publicamente a contribución ao aumento e mellora do uso social do galego desde este sector. Así, valorarase o uso da lingua galega tanto no referente á comunicación externa como á interna. Por exemplo, en ámbitos como a páxina web e redes sociais (se existisen), sinalética e comunicación do establecemento empresarial, na atención ao público, en campañas publicitarias ou materiais de promoción en calquera soporte. Asemade, será tamén de relevancia a comunicación interna co persoal ou entre os diferentes departamentos ou calquera outro mérito que a propia empresa queira salientar neste ámbito.

Cómpre engadir que tamén será tomado en conta o impacto que a actividade empresarial poida ter en sectores especialmente relevantes para o proceso de normalización lingüística. Para a comprobación destes méritos, as empresas candidatas deberán indicar os enlaces de información correspondente ou achegar materiais impresos, e facilitaranlle ao Concello de Ames toda a información que se lles requira sobre os usos lingüísticos na súa comunicación externa ou interna ou sobre a veracidade dos datos aportados na candidatura.

Resolución do premio: do 15 ao 22 de novembro
A resolución do premio farase pública entre o 15 e o 22 de novembro. Este irá acompañado dunha dotación económica de 2.500 euros, xunto cunha campaña de difusión da empresa gañadora na Radio Municipal de Ames. Ademais a empresa premiada poderá mencionar na súa comunicación a obtención desta distinción e mesmo incluíla na súa publicidade ou papelería.

A presentación dunha candidatura pode realizarse de xeito presencial ou telemático, cubrindo unha instancia xeral e achegando o modelo de ficha  que pode ser descargado ó final desta nova. Os lugares habilitados para a facelo de xeito presencial son a Casa do Concello (Bertamiráns) ou nas oficinas municipais do Milladoiro. Ambos de luns a venres, de 9.00 a 14.00 horas da mañá. No caso de facelo telematicamente, realízase a través da sede electrónica do Concello. O prazo para facelo remata o 31 de outubro ás 14.00 horas.

Para solicitar máis información pódese contactar co Servizo de Normalización Lingüística  (normalizacion@concellodeames.gal/662 377 215) ou co Departamento de Promoción Económica (promocioneconomica@concellodeames.gal / 981 883 002 -ext. 2010).

>>ACCEDE AO TRÁMITE DE PARTICIPACIÓN NO PREMIO LINGUA E EMPRESA

Cartel da segunda edición do Premio Lingua e Empresa

Multimedia

  • Cartel da segunda edición do Premio Lingua e Empresa