Pestanas principais

Está aberto o prazo para inscribirse nos obradoiros de lingua e cultura En galego, co teu acento!

Sábado, 14 de setembro de 2019

Ata o próximo día 23 de setembro está aberto o prazo para inscribirse nunha nova edición dos Obradoiros de Lingua e Cultura En galego, co teu acento! Trátase dunha actividade gratuíta de 30 horas de duración que se desenvolverá de luns a venres nas localidades de Bertamiráns e do Milladoiro, durante os meses de outubro e novembro. Ofrécense un total de 40 prazas (20 para cada localidade).

O Concello de Ames repite unha edición máis un obradoiro que todos os anos ten un grande éxito entre as persoas de fóra de Galicia. Na actualidade Ames conta con persoas de 65 nacionalidades procedentes dos cinco continentes e cunhas 40 linguas. Esta realidade multicultural converte o concello amesán nun espazo privilexiado de intercambio cultural, unha interculturalidade que o enriquece enormemente.

Os obradoiros de lingua e cultura están dirixidos a todas aquelas persoas procedentes de fóra de Galicia que vivan en Ames e a calquera persoa interesada en achegarse á lingua e á cultura galega. Moitas destas persoas case non tiveron contacto coa lingua e coa cultura galegas e, por esta razón, enténdese necesaria a organización deste obradoiro para que adquiran nocións básicas de lingua e cultura galegas que contribúan á súa integración e asentamento e á cohesión social e que sirvan de paso previo á obtención dos certificados oficiais de lingua galega (CELGAS).

O obxectivo desta actividade é que as persoas asistentes se acheguen á lingua e á cultura progresivamente, nun proceso de aprendizaxe que pasa pola adquisición de coñecementos a partir fundamentalmente do traballo en equipo e da realización conxunta de actividades coas que se busca a toma de contacto coa lingua. Será unha actividade basicamente práctica cuns mínimos contidos teóricos.

Ademais, a través desta iniciativa preténdese proporcionar nocións básicas para a comprensión e a expresión oral e escrita da lingua galega; fomentar o achegamento á cultura e á historia de Galicia; dar a coñecer Ames, as infraestruturas e os servizos que ofrece a institución municipal; promover a cohesión social e a integración na sociedade galega e amesá, pór en valor a multiculturalidade de Ames e promover o intercambio cultural.

Tramitación das inscricións
O prazo de inscrición está aberto ata o 23 de setembro. As inscricións poden facerse tanto presencialmente, no Servizo de Normalización Lingüística, situado no Pazo da Peregrina, en Bertamiráns, e no Servizo de Axuda ao Migrante (SAMI), que está situado nas oficinas municipais do Milladoiro (Rúa de Abaixo, número 10), como a través do teléfono, chamando aos seguintes números: 662 377 215 e 981 535 941.

Os obradoiros de lingua e cultura desenvolveranse en Bertamiráns e no Milladoiro. En Bertamiráns as clases impartiranse no Pazo da Peregrina, do 1 ao 28 de outubro, en horario de 9:30 h a 11:00 h, de luns a venres. No Milladoiro, o obradoiro impartirase na Casa da Cultura desde o 4 ata o 29 de novembro, tamén de luns a venres e en horario de 9:00 h a 10:30 h. Os obradoiros duran un total de 30 horas, son gratuítos e hai 20 prazas para cada unha das localidades. As persoas que asintan, como mínimo, ao 90% das sesións recibirán un diploma acreditativo da asistencia.

Cartel dos obradoiros de lingua e cultura En galego, co teu acento!

Multimedia

  • Cartel dos obradoiros de lingua e cultura En galego, co teu acento!