[13-02-2019] Bea Campos visita a Casa da Cultura de Bertamiráns o vindeiro venres, 22 de febreiro, para compartir o seu espazo “Entre arrolos e contiños”. O espectáculo musical, realizado por Migallas Teatro, ofrece cantos e contos de tradición oral con música en directo para o público máis miúdo. Esta actividade, da que se realizarán dúas sesións, está dirixida a familias con bebés de 0 a 3 anos, que deberán inscribirse antes do 20 de febreiro mediante o envío dun correo ao enderezo normalizacion@concellodeames.gal no que apareza o nome e idade dos participantes, un teléfono de contacto e a sesión escollida.

Este martes, 12 de febreiro, comezou o prazo de inscrición de “Entre arrolos e contiños”, iniciativa que chega a Bertamiráns ao abeiro do programa Apego. Así, en cada unha das súas sesións que terán lugar, vinte e cinco familias con crianzas de 0 a 3 anos poderán pasar un anaco agradable con contos e cantos, acompañados de música e directo, dirixidos ás e aos máis pequenos da casa. Ademais, marcharán para a casa cunha chea de recursos que lles seriran paraa seguir transmitindo a lingua de xeito natural, xogando, cantado e contando.
Nesta actividade, da que se realizará unha sesión ás 17.00 e outra ás 18.00h, poderán participar un total de cincuenta familias con nenos e nenas de entre 0 e 3 anos, que poderán cantar, contar e xogar co resto de familias. Para participar é necesario inscribirse antes do 20 de febreiro a través do envío dun correo ao enderezo electrónico normalizacion@concellodeames.gal, no que debe figurar a hora da sesión na que se quere participar, o nome e idade dos participantes e un teléfono de contacto.
O programa Apego
Esta actividade enmárcase dentro do programa do Apego, que é un proxecto colectivo que busca acompañar, dar apoio ás familias e poñer en valor a transmisión da lingua galega ás crianzas durante os seus primeiros anos de vida, nomeadamente dos 0 aos 6 anos. Con estes obxectivos ofrécese información, recursos e actividades variadas tanto para familias, coma para os nenos e nenas, educadoras e educadores... O proxecto pretende, ademais, que as crianzas se socialicen en galego e reforzar nelas a identidade coa familia e coas raíces a través de diferentes recursos lúdicos, formativos e informativos. En Ames, o programa do Apego conta xa con máis de 150 familias adheridas.
As familias que estean agardando un bebé ou que teñan crianzas de 0 a 6 anos poden inscribirse no programa poñéndose en contacto co Servizo de Normalización Lingüística do Concello de Ames, ben a través do correo indicado máis arriba, ben a través do teléfono 662 377 215. Desde o momento en que se inscriban, recibirán información e recursos útiles para a crianza. Pódese ampliar a información sobre o programa visitando a páxina web www.apego.gal





