Pestanas principais

Está aberto o prazo de solicitude das axudas para a promoción do comercio local de Ames

Mércores, 03 de decembro de 2014

[03-12-2014] O Concello de Ames aprobou as bases da convocatoria de subvencións para a promoción do comercio local a comezos do pasado mes de novembro. O importe total das axudas acada os 25.000 euros. Esta achega municipal busca apoiar o comercio local, centrándose na promoción comercial, así como na dotación de infraestruturas e equipamentos para as asociacións de empresarios e comerciantes. As bases desta convocatoria de axudas xa saíron publicadas no Boletín Oficial da Provincia (BOP) o pasado 28 de novembro. O prazo de presentación de solicitudes rematará o 29 de decembro. Premendo no enlace que está a túa dereita, baixo o apartado de descargas, poderás obter as bases e os impresos de solicitude destas axudas.

As solicitudes deberán presentaranse nos rexistros do Concello, situados en Bertamiráns e no Milladoiro, de luns a venres en horario de 09:00 a 14:00 horas. O prazo para presentar as solicitudes nesta convocatoria de axudas estará aberto ata o luns 29 de decembro de 2014. As bases desta liña de subvencións xa saíron publicadas no Boletín Oficial da Provincia (BOP) o pasado 28 de novembro. As solicitudes deberán achegarse nos modelos normalizados correspondentes, que poden obterse no departamento de Promoción Económica e na web municipal.

A finalidade destas subvencións é a de favorecer a promoción e o desenvolvemento de actividades realizadas durante o corrente ano no seo das asociacións de empresarios e de comerciantes do Concello de Ames, que estean legalmente constituídas e inscritas nos rexistros correspondentes. Dende a concellaría de Comercio, Promoción Económica, Traballo e Turismo sinalan, ademais, que o obxectivo das axudas é “potenciar o comercio amiense intentando chegar ao maior número de clientes posible, mellorando a calidade e procurando a estabilidade da actividade comercial local, outorgando protagonismo ás entidades asociativas deste sector”.

O importe máximo que poderá recibir cada entidade non superará os 9.000 euros. Para percibir o importe íntegro da subvención concedida o beneficiario deberá xustificar a realización, como mínimo, dun gasto igual ao importe total do proxecto presentado.

Existen dúas liñas de subvención
Hai dúas liñas de actuación. A primeira delas, cun orzamento máximo de 19.000 euros, destinarase a subvencionar as accións centradas na promoción comercial como: publicidade, promoción de vendas, animación comercial, celebración de exposicións, congresos, e aquelas actividades destinadas a promoción de produtos comercializados polas empresas que desempeñan a súa actividade no Concello de Ames, así como os gastos de contratación de persoal destinado a promover accións de promoción económica dentro do ámbito dos seus asociados.

A segunda liña de actuación, de 6.000 euros, vai dirixida a sufragar os gastos de infraestrutura, funcionamento e equipamento das asociacións (mellora de instalacións, adquisición de material mobiliario ou material funxible, software propio ou páxina web…). Non se inclúen os gastos de mantemento ordinario, tales como teléfono, luz e auga, nin a adquisición de bens inmobles. Todos os gastos para os que se solicite a achega municipal deberán ter sido efectuados dentro do exercicio 2014.