Pestanas principais

Está aberto o prazo de solicitude das axudas dirixidas á promoción de actividades levadas a cabo polas ANPAS

Venres, 14 de novembro de 2014

[14-11-2014] O Concello de Ames aprobou as bases da convocatoria de axudas para a promoción de actividades levadas a cabo polas ANPAS dos centros educativos amienses ao longo do exercicio 2014. En total, destínanse 18.500 euros para esta convocatoria de subvencións. A través destas achegas poderanse sufragar ata un máximo do 80% das saídas culturais ou das actividades extraescolares, que levan a cabo estas asociacións. As bases desta convocatoria de axudas xa saíron publicadas no Boletín Oficial da Provincia (BOP). O prazo de presentación de solicitudes remata o 30 de novembro, aínda que ao ser domingo prorrógase ata o luns 1 de decembro de 2014. Premendo no enlace que está a túa dereita, baixo o apartado de descargas, poderás obter as bases e os impresos de solicitude destas axudas.

As solicitudes deberán presentaranse no rexistro xeral do Concello de Ames ou en calquera outro rexistro público. O prazo para presentar as solicitudes nesta convocatoria de axudas estará aberto ata o luns 1 de decembro de 2014. As bases desta liña de subvencións xa saíron publicadas no Boletín Oficial da Provincia (BOP). As solicitudes deberán achegarse nos modelos normalizados correspondentes, que poden obterse nas dependencias do departamento de Educación. En caso de solicitar achega para varias actividades, deberá encherse un modelo de solicitude para cada unha delas.

O obxectivo principal desta convocatoria de axudas é enriquecer a formación da poboación escolar do Concello de Ames, a través do desenvolvemento de actividades coas que complementen a formación regrada que reciben nos centros educativos. Ademais, búscase promover a convivencia da poboación escolar fóra do ámbito puramente académico e impulsar a conciliación da vida laboral e familiar, así como ofrecer aos pais e nais unha alternativa fóra do horario escolar.

A través destas axudas as ANPAS poderán sufragar ata un máximo do 80% dos gastos que lle supoñan as saídas culturais ou as actividades extraescolares que realizan ao longo do curso escolar. Consideraranse saídas culturais aquelas que inclúan no seu desenvolvemento a visita a lugares ou a asistencia a eventos de carácter histórico ou artístico. As actividades extraescolares serán aquelas que se desenvolvan con carácter estable ao longo dun período similar ao do curso escolar. Estas actividades deberán estar dirixidas ao alumnado do centro de ensino que solicita a axuda.

A estas axudas poderán optar as ANPAS existentes nos centros educativos de titularidade pública do Concello de Ames, legalmente constituídas e que figuren inscritas no Rexistro Municipal de Asociacións. O importe individual das achegas concedidas ao abeiro desta convocatoria non poderá superar os 4.000 euros.