Pestanas principais

Está aberto o prazo de matrícula na Escola integral de maiores que se imparte no Milladoiro

Mércores, 21 de setembro de 2022

O prazo de matrícula na Escola integral de maiores do Milladoiro, coordinada pola OVA e dependente da Concellaría de Benestar Social, xa está aberto. As persoas maiores de 60 anos que queiran participar desta actividade deberán inscribirse chamando ao teléfono 662 377 044 ou acudir ás Casas da Cultura de Bertamiráns ou do Milladoiro. Nas súas clases o alumnado adquirirá e repasará coñecementos como a lectura, a escritura, as contas matemáticas básicas dun xeito dinámico. As clases comezarán no vindeiro mes de outubro e rematarán a finais de xuño.

As persoas interesadas en participar na Escola integral de maiores do Milladoiro xa se poden inscribir. Nesta localidade as clases impartiranse os mércores e venres, a partir das 17.00 horas. Para o grupo do Milladoiro ofrécense 20 prazas.

Para reservar unha delas as persoas interesadas poden chamar ao teléfono 662 377 044, enviar un correo electrónico ao enderezo voluntariado@concellodeames.gal ou solicitalo nos centros socioculturais municipais. Tanto a Casa da Cultura de Bertamiráns como a do Milladoiro teñen un horario de atención ao público de 9:00 a 14:00 horas. O prazo permanecerá aberto ata o mes de xaneiro, sempre e cando haxa prazas dispoñibles.

Baixo o lema “Divírtete aprendendo” a Escola integral de maiores ofrece clases para todas aquelas persoas de Ames que non tiveron oportunidade de continuar a súa educación básica. Os dous mestres voluntarios repasarán co alumnado a lectura e comentario de textos, a escritura ou conceptos matemáticos sinxelos. Ambos teñen experiencia na materia; levan xa moitos anos impartindo estas clases.

A poesía ou a música, un chisco de historia ou xeografía tamén serán temas a tratar nas clases, que se complementarán con charlas ou saídas. O curso rematará cun acto a finais do mes de xuño nun dos centros socioculturais que preparará o propio alumnado, ao que se lle entregará un diploma acreditativo.

Novas relacionadas:

El Correo Gallego: "Anotacións para a Escola Integral de Maiores amesá"

Está aberto o prazo de matrícula na Escola integral de maiores que se imparte no Milladoiro

Multimedia

  • Está aberto o prazo de matrícula na Escola integral de maiores que se imparte no Milladoiro