[13-06-2017] Os nenos e nenas de Ames xa poden inscribirse nos campamentos deportivos que ofrece a Deputación da Coruña, a través da Concellaría de Deportes do Concello de Ames. Estes campamentos están dirixidos a rapaces e rapazas de 9 a 14 anos. Para poder apuntarse nesta actividade hai que estar empadroado no concello de Ames. As inscricións faranse no Rexistro Xeral do Concello. O prazo de inscrición xa está aberto e pecharase o día 17 de xuño. Estes campamentos celébranse no Centro residencial docente do Concello de Culleredo. Aos rapaces e rapazas de Ames correspóndelle a segunda quenda que vai dende o 26 de agosto ata o 1 de setembro. Premendo nos enlaces que están a túa dereita, baixo o apartado de descargas, poderás obter o impreso de solicitude e un folleto informativo.
Un ano máis a Deputación da Coruña organiza un programa de campamentos deportivos para todos os nenos e nenas dos concellos da provincia. Co obxectivo de facilitar a inscrición de todos os rapaces e rapazas que estean interesados nestas actividades, a Concellaría de Deportes abre un período de inscrición que estará aberto ata o vindeiro 17 de xuño. Esta iniciativa xorde co fin de conciliar a vida familiar e laboral de todos os pais e nais durante as vacacións de verán.
Ofértanse 10 prazas para o Concello de Ames polo que todos os interesados deben darse présa para apuntarse. Este campamento, que se desenvolve no Centro residencial docente do Concello de Culleredo, está dirixido a rapaces e rapazas de 9 a 14 anos e que estean empadroadas no concello de Ames. Aos rapaces e rapazas de Ames correspóndelle a segunda quenda que vai dende o 26 de agosto ata o 1 de setembro. A cota de inscrición é de 85 euros e inclúe o transporte interno, a estadía e manutención na residencia e o gasto das actividades programadas, así como o material propio das actividades deportivas coma raquetas de tenis, balóns e chalecos salvavidas que se entregarán a cada participante durante a celebración do campamento.
Os campamentos deportivos inclúen as actividades deportivas preferentes que, nesta ocasión, serán os deportes náuticos, a equitación, tenis, sendeirismo, así como a practica dotras actividades deportivas e culturais. Ademais, realizaranse actividades e xogos que teñan elementos que fomenten a comunicación, o intercambio de experiencias, a convivencia e o repecto polos demais. Tamén se farán visitas a centros de interese cultural na comarca e na cidade da Coruña.
Tramitación das inscricións
Os pais e nais interesados deben formalizar a inscrición nalgún dos rexistros municipais do Concello de Ames, de luns a venres, en horario de 09:00h a 14:00 horas, entregando a ficha de inscrición debidamente cuberta e asinada polos pais ou titor/as do solicitante, unha foto carné, unha fotocopia da tarxeta sanitaria, unha fotocopia do libro de familia ou carné de identidade e unha copia de pagamento da cota de inscrición (este último papel haberá que entregalo despois de que o concello lle confirme ao solicitante que dispón da praza solicitada). No caso de algúns dos nenos ou nenas precisen un tratamento específico ou sufran unha doenza que haxa que ter en conta, haberá que achegar un xustificante médico asinado polo facultativo pertinente.
No caso de haber máis inscricións que prazas, realizarase un sorteo público o día 20 de xuño, ás 12:00 horas, na Casa do Concello onde terán preferencia os nenos e nenas que non asistiran o ano anterior. Para máis información pódese acudir á páxina web www.dacoruna.gal/deportes, da Deputación da Coruña ou chamar ó teléfono 981 080 644.




