Pestanas principais

Está aberto o prazo de inscrición para participar na actividade “Outono de cogomelos”

Luns, 26 de setembro de 2022

A Aula da Natureza está desenvolvendo as diferentes actividades que compoñen a programación de outono. Deste xeito, para os meses de outubro e novembro ten previsto impartir a actividade “Outono de cogomelos”, que consta de tres saídas para recoller cogomelos que se realizarán os días 1 e 15 de outubro e 26 de novembro. Son tres saídas de campo para mellorar o coñecemento sobre estes apreciados fungos. Trátase dunha actividade aberta a todos os públicos. O prazo para inscribirse nesta actividade estará aberto ata o xoves 29 de setembro, ás 14.00 horas. Para inscribirse nesta actividade hai que enviar a ficha de inscrición ao enderezo auladanatureza@concellodeames.gal. A programación ao completo pode consultarse premendo nesta ligazón.

“Outono de cogomelos” é o título da actividade proposta pola Aula da Natureza para facer tres saídas para recoller cogomelos. Deste xeito, realizaranse dúas saídas guiadas no mes de outubro e outra máis no mes de novembro, a través das cales as persoas participantes poderán identificar e recoller cogomelos polas fragas, piñeirais, prados e carballeiras de distintas parroquias de Ames e de fóra do concello. Trátase dunha actividade aberta a todos os públicos na que se trata de impartir diversas nocións co obxectivo de coñecer mellor estes apreciados fungos.

A primeira saída realizarase o sábado 1 de outubro e desenvolverase en horario de 10.30 a 17.30 horas. O lugar da saída determinarase segundo as condicións meteorolóxicas. O prazo para inscribirse nesta actividade estará aberto ata o xoves 29 de setembro, ás 14.00 horas. A segunda saída está prevista para o sábado 15 de outubro, en horario de 10.00 a 14.00 horas, pola ruta do Tambre. O prazo de inscrición para esta segunda saída estará aberto do 3 ao 13 de outubro.

A terceira saída será o sábado 26 de novembro, de 10.30 a 17.30 horas. Neste caso o lugar da saída tamén se determinará segundo as condicións meteorolóxicas. O prazo de inscrición para esta segunda saída estará aberto do 14 ao 24 de novembro. Para as tres saídas haberá servizo de autobús dende a Casa da Cultura do Milladoiro e dende o Pazo da Peregrina, en Bertamiráns.

A programación de outono da Aula da Natureza continuará ao longo dos meses de outubro e novembro con outras actividades como as acampadas na Aula da Natureza, un obradoiro de tecido natural, a segunda edición da feira do monte “Tanto monte, monta tanto”, outro obradoiro de anacos de bosque: xoias con materias do monte, e unha observación dende o monte de San Marcos do ceo de inverno. A programación ao completo pode consultarse premendo nesta ligazón.

Cómpre destacar que para inscribirse nas actividades de dita programación haberá un prazo de inscrición específico para cada unha delas. O período de inscrición abrirá 10 días antes aproximadamente da realización de cada actividade. Para inscribirse nestas actividades hai que enviar a ficha de inscrición ao enderezo auladanatureza@concellodeames.gal.

Novas relacionadas:

El Correo Gallego: "Anotacións para as saídas na procura de cogomelos"

Cartaz de Outono de cogomelos

Multimedia

  • Cartaz de Outono de cogomelos