Pestanas principais

Está aberto o prazo de inscrición para os campamentos municipais de verán 2019

Luns, 22 de abril de 2019

O Concello de Ames xa publicou o seu programa de campamentos municipais para este verán, a través do cal se ofertan 500 prazas repartidas entre 11 campamentos diferentes, que se desenvolverán entre o 26 de xuño e o 2 de setembro. O prezo dos mesmos variará entre os 45 e os 230 euros. O prazo de inscrición estará aberto ata este xoves 25 de abril. Para asistir a algún dos campamentos, será preciso entregar a ficha de inscrición no Rexistro municipal, xunto cunha fotocopia da tarxeta sanitaria, outra do DNI no caso de dispor do mesmo, unha foto tamaño carné e un certificado médico de ser preciso. Premendo nos enlaces que están a túa dereita, baixo o apartado de descargas, poderás obter un folleto informativo, a ficha de inscrición e as bases dos campamentos.

O programa Campamentos de verán 2019 inclúe a realización de 11 campamentos diferentes ao do longo do verán. Coa súa organización, o Concello de Ames busca ofrecer unha oferta lúdica e formativa de desenvolvemento persoal concibida para, de xeito progresivo, dotar ás crianzas e á mocidade das ferramentas que lles faciliten lograr a súa autonomía e independencia. Asemade, mediante estas actividades búscase promover a cooperación e o respecto, ademais dun estilo de vida saudable ligado ao medio natural, ao deporte e á cultura. A través desta actividade preténdese que tanto as crianzas como os mozos e mozas entren en contacto coa natureza e adopten hábitos respectuosos co medio ambiente.

Nestes campamentos de verán poderán participar todas aquelas rapazas e rapaces que estean empadroados no concello de Ames. Así mesmo, no caso de existiren máis prazas que solicitudes, tamén poderán optar a elas aquelas usuarias e usuarios que, malia non estaren empadroados no concello, estean matriculados nalgún centro de ensino do termo municipal ou os seus pais ou nais traballen no mesmo. En última instancia, de quedaren prazas libres, poderían solicitalas tamén persoas non empadroadas en Ames.

Ampla oferta de campamento para todas as idades
O primeiro dos campamentos deste verán celebrarase na Granxa Escola Fervenzas do Toxa, entre o 26 e o 27 de xuño. Dirixido ao alumnado do 4º e do 5º curso de Educación Infantil, o campamento contará con 30 prazas e o seu custe será de 45 euros. Pola súa banda, as nenas e nenos do 6º curso de Educación Infantil tamén terán a oportunidade de ir de campamento a este mesmo emprazamento entre o 27 e o 29 de xuño. Para este campamento, cuxo prezo será de 90 euros, haberá 35 prazas dispoñibles. Ambas estancias xirarán en torno á horta, aos animais e á cociña, e estarán cheos de xogos e veladas.

O Concello de Ames tamén ofrece este ano dous campamentos na Granxa-Escola Barreiros. O primeiro deles desenvolverase entre o 27 e o 29 de xullo e estará orientado a crianzas do 1º e do 2º curso de Educación Primaria. Posteriormente, entre o 29 e o 31 de xullo, poderán gozar desta experiencia unha segunda quenda de nenas e nenos das mesmas idades. Cada quenda contará con 35 prazas e terá un prezo de 90 euros. Nestas estadías os cativos/as realizarán traballos de granxa e horta, teares, actividades sobre astronomía, e moitos xogos populares e grandes veladas.

O alumnado de 3º e 4º de Educación Primaria poderá participar no campamento Galipark Multiaventura, entre o 2 e o 5 de xullo. O campamento, que constará de 100 prazas, terá un prezo de 125 euros e constará de actividades como escalada e tirolina, kayak, cars ou xogos cooperativos, entre moitos outros. Por outra banda, entre o 1 e o 6 de xullo terá lugar un campamento nas Fragas do Eume, dirixo a rapazas e rapaces de 5º de Primaria. Este campamento, que terá 50 prazas e un custe de 170 euros, estará baseado en orientación, escalada, raid, sendeirismo e outras actividades acuáticas.

Entre o 1 e o 6 de xullo tamén se organizará un campamento para os rapaces/as de 6º de Primaria, que poderán practicar snorkel, bodyboard, xincanas na praia e moitas outras actividades no campamento Mar de Arousa. Para esta estancia, ofértanse 50 prazas cun prezo de 170 euros.

Este mesmo mes, realizaranse asemade dous campamentos dirixidos a mozas e mozos de Educación Secundaria e Bacharelato. Desta maneira, entre o 14 e o 20 de xullo, 40 rapazas e rapaces de 1º a 3º de ESO poderán participar no campamento xuvenil Diverlanhoso de Portugal, que terá un prezo de 220 euros. Case nas mesmas datas, entre o 15 e o 20 de xullo, o alumnado de 4º da ESO a 2º de Bacharelato terá a oportunidade de asistir á saída Aventura por Asturias. Esta viaxe, de 230 euros, ofertará 30 prazas.

O Campamento Urbano da Aula da Natureza tamén terá lugar no mes de xullo. Dirixido a rapazas e rapaces entre os 6 e os 14 anos, o campamento realizarase entre os días 8 e 20 dese mes, de luns a venres, en horario de 16:00h a 20:00 horas. Este campamento terá un prezo de 50 euros e contará con 40 prazas dispoñibles. O último campamento do verán desenvolverase entre o 28 de agosto e o 2 de setembro, na Granxa Escola Kirico. Nel poderán participar 45 nenas e nenos entre os 6 e os 16 anos. O seu prezo será de 150 euros.  Aberto o prazo de inscrición
O prazo de presentación de solicitudes permanecerá aberto ata este xoves 25 de abril. Unha vez cuberto o impreso de preinscrición deberá entregarse no Rexistro Xeral da Casa do Concello de Bertamiráns, no rexistro do Pazo da Peregrina ou nas oficinas municipais do Milladoiro,de luns a venres, de 09:00h a 14:00 horas.

A efectos de información e posibles reclamacións publicarase, do 29 de abril ao 3 de maio, a listaxe provisional de admitidas/os na páxina web municipal e nos taboleiros oficiais do Concello. A listaxe definitiva será publicada o 8 de maio. No caso de que o número de solicitudes supere o número de prazas dispoñibles, realizarase un sorteo público o 13 de maio, ás 12.00 horas, no salón de plenos da Casa do Concello. Os resultados e a lista de agarda publicaríanse o 15 de maio a partir das 14:00 horas.

En todos os campamentos resérvase un 10% das prazas para casos de emerxencia social. As bases e os impresos de preinscrición pódense atopar tanto na sección de Avisos da páxina web municipal como no apartado de descargas desta nova. De igual maneira, tamén se poden conseguir acudindo de xeito presencial, en horario de 09.00h a 14.00 horas, ás oficinas municipais do Milladoiro ou ao departamento de Medio Ambiente e Mocidade da Casa do Concello. Para ampliar calquera información pódese chamar aos números de teléfono 660 004 665 e 616 083 229 ou enviar un correo electrónico a algún dos seguintes enderezos auladanatureza@concellodeames.gal ou omix@concellodeames.gal.

Reunións informativas
Ao igual que nos anos anteriores, neste 2019 tamén se farán dúas reunións informativas dirixidas ás nais e aos pais das nenas e nenos e das rapazas e rapaces, que estean interesados en participar nalgún destes campamentos. O luns, 22 de abril, farase unha xuntanza no Pazo da Peregrina de Bertamiráns. No Milladoiro, a xuntanza terá lugar na Casa da Cultura o martes, 23 de abril. O horario da xuntanza informativa de cada campamento pódese encontrar nas bases do programa deste verán, que se atopa no apartado de descargas desta nova.