[20-10-2016] A Aula de informática do Milladoiro inicia a súa programación de outono cun obradoiro de mecanografía dirixido a maiores de 18 anos que se desenvolverá a partir do 24 de outubro. Para o mes de novembro a Aula programa, entre o 14 e o 17, unhas xornadas de busca de emprego. No mes de decembro os nenos e nenas de entre 6 e 8 anos poderán participar nun obradoiro infantil no que aprenderán a elaborar postais de Nadal. O prazo para inscribirse nestes obradoiros xa está aberto dende comezos de outubro. Por outra banda, a Aula de informática do Milladoiro mantén un horario de aula aberta para que os usuarios e usuarias poidan traballar e facer as consultas que desexen, baixo a tutela da técnica do servizo.
A Aula de Informática do Milladoiro inicia a súa programación de outono cun curso de mecanografía para adultos que se desenvolverá os días 24, 25, 26, 27 e 31 de outubro. Hai dúas quendas para este obradoiro, unha de mañá, entre as 10:00 e as 11:00 horas, e outra de tarde, que terá lugar entre as 18:00 e as 19:00 horas. Para cada unha das quendas ofértanse 10 prazas. Esta actividade terá unha duración de 5 horas.
Para o mes de novembro está prevista a realización dunhas xornadas de busca de emprego dirixidas a persoas maiores de 18 anos. Tamén neste caso prográmanse quendas de mañá e de tarde e en cada unha delas admitiranse 10 persoas. Pola mañá o horario será de 10:00 a 11:00 horas e pola tarde de 18:00 a 19:00 horas. Estas xornadas desenvolveranse entre o 14 e o 17 de novembro, polo que se impartirán 4 horas de formación.
Para finalizar o ano, no mes de decembro, desenvolverase un obradoiro infantil de elaboración de postais de Nadal, que está dirixido aos nenos e nenas de 6 a 8 anos. Esta actividade impartirase do 13 ao 15, en horario de tarde, de 18:00 a 19:00 horas. Neste caso tamén hai 10 prazas ofertadas. Este obradoiro terá unha duración de 3 horas.
Tramitación das inscricións
As inscricións para todos estes obradoiros xa se poden realizar dende comezos de outubro na Aula de Informática que está situada na Casa da Cultura do Milladoiro. As prazas cubriranse por orde de inscrición. Terán preferencia as persoas que non participaron nas mesmas actividades en trimestres anteriores. Para inscribirse é preciso estar empadroado no Concello de Ames e para que se formen os grupos é necesario un mínimo de sete persoas inscritas.
As inscricións poderán facerse en horario de Aula Aberta, de luns a xoves de 16:00 a 20:00 horas, e os venres de 9:30 a 13:30 horas. Calquera persoa que desexe máis información poderá obtela directamente na Aula de Informática, enviando un correo electrónico ao enderezo informatica.milladoiro@concellodeames.gal ou chamando ao teléfono 981 535 940.
Por outra banda a Aula de Informática do Milladoiro mantén un servizo de Aula aberta para que todas aquelas persoas que desexen facer tarefas particulares tales como consultar o correo electrónico, facer traballos persoais, ler o xornal, pedir unha cita médica ou buscar información. O horario de acceso da Aula Aberta é de 16:00 a 20:00 horas de luns a xoves. Os venres, o servizo de aula aberta préstase pola mañá, entre as 9:30 e as 13:30. Para poder beneficiarse deste servizo é preciso estar empadroado no Concello de Ames.




