Pestanas principais

Está aberto o prazo de inscrición nos concursos de decoración de Nadal do Concello de Ames

Xoves, 01 de decembro de 2022

O Concello de Ames, a través da Concellaría de Promoción Económica, puxo en marcha un ano máis o concurso de escaparates de Nadal, que ten como obxectivo invitar aos comercios a colaborar na decoración do concello durante estas datas. Por primeira vez, ademais, organízase o certame de decoración de Nadal veciñal, que premiará as mellores decoracións colocadas nas vivendas e edificios de Ames. O prazo para anotarse en ambos concursos xa está aberto e rematará o 5 de decembro, no caso do certame de escaparates, e o 10 de decembro, no de decoración veciñal. A solicitude de inscrición débese presentar acudindo aos rexistros municipais ou a través da Sede electrónica do Concello. As bases poden consultarse nos anexos ao pé desta nova.

No XVII concurso de escaparates de Nadal valorarase o desexo ou atracción pola compra, a orixinalidade e a composición dos escaparates dos comercios. Tamén se terá en conta o emprego dos produtos propios da tenda e a utilización de produtos reciclados. En total, repartiranse 4.000 euros, divididos en catro premios de 1.500€, 1.110€, 800€ e 600€. Neste caso, o prazo de inscrición pecha o día 5 de decembro, ás 14:00 horas. As solicitudes poden presentarse de luns a venres, en horario de 9:00 a 14:00 horas, no Rexistro da Casa do Concello ou das Oficinas municipais do Milladoiro. Tamén se pode presentar a través da Sede electrónica do Concello.

Neste caso, os motivos e decoracións dos escaparates terán como tema as festas do Nadal, e só se poderá presentar ao concurso un único proxecto por establecemento. Os escaparates deberán estar expostos, como mínimo, entre os días 10 de decembro de 2022 e 7 de xaneiro de 2023. Todos os concursantes terán que enviar unha foto do escaparate ao enderezo promocioneconomica@concellodeames.gal antes do 18 de decembro de 2022.

Certame de decoración de Nadal veciñal
Por outro lado, todos os veciños e veciñas que queiran inscribirse na primeira edición do certame de decoración de Nadal veciñal poderán facelo ata o día 10 de decembro. Neste caso tamén se poden presentar os impresos de inscrición a través da Sede electrónica ou de forma presencial nos rexistros municipais. Haberá catro premios, de 500 euros cada un.

O xurado valorará a creatividade, en base aos criterios de composición e deseño, tendo en conta, ademais, a orixinalidade e a elaboración propia. Así mesmo, terase en conta a utilización da iluminación como foco de atracción e o uso de materiais de refugallo.

Só poderá presentarse ao concurso un único proxecto por vivenda, e as decoracións e adornos que se amosen teñen que ser típicos do Nadal, non causar ningún tipo de prexuízo para as persoas e bens e non ocupar as vías de circulación.

Os/as participantes deberán achegar fotografías das decoracións ao enderezo electrónico promocioneconomica@concellodeames.gal antes do 25 de decembro (incluído), facendo constar o número da solicitude de inscrición e a identidade do representante.

En ambos certames haberá un xurado composto por un/unha representante do voluntariado de Ames, un/unha representante do voluntariado da Aula da Natureza, un/unha representante do voluntariado de Protección Civil e un/unha representante da Unión de Consumidores de Galicia.

As bases de ambos concursos pódense atopar premendo nas ligazóns que están debaixo desta nova.

Os concursos premiarán as mellores decoracións

Multimedia

  • Está aberto o prazo de inscrición nos concursos de decoración de Nadal do Concello de Ames
  • Está aberto o prazo de inscrición nos concursos de decoración de Nadal do Concello de Ames