[24-09-2015] As familias con bebés e nenos/as de ata 6 anos, que reservaran a súa entrada con anterioridade, poden participar no Encontro dos Axóuxeres este venres, 25 de setembro, ás 18:00 horas, na Casa da Cultura do Milladoiro. Esta é unha actividade organizada pola Secretaría Xeral de Política Lingüística para os concellos da Rede de Dinamización Lingüística, na que se oferta un espectáculo de música e palabras, co obxectivo de promover a transmisión interxeracional da lingua galega. As entradas para este espectáculo xa están esgotadas dende o pasado luns. Creouse unha lista de agarda de 15 persoas para cubrir posibles anulacións. Máis información no teléfono 697 363 089.
Os Axóuxeres son a festa da música, dos xogos e das palabras. Un espectáculo de dinamización lingüística baseado en historias adaptadas á xente miúda da casa e mesturadas con cancións e xogos especificamente creados para a montaxe. Unha festa que por primeira vez se poderá levar para a casa nun cedé co que o programa agasallará a todas as familias participantes.
Desta volta, os nenos e nenas viaxarán ao fondo do mar coa protagonista, Mariña, e o seu peixiño, a quen seguirán nunha aventura teatral, musical e lúdica que os achegará a valores como a ecoloxía ou a amizade. Da man da compañía de teatro Elefante Elegante, a xira dos Axóuxeres 2015 percorrerá 26 localidades da Rede de Dinamización Lingüística entre setembro e novembro.
Os Axóuxeres son o encontro da xente miúda da casa co teatro, coa música en directo... coa lingua de noso. Cada Encontro dos Axóuxeres, de aproximadamente 40 minutos de duración, foi creado para ofrecerlles aos bebés e cativos de ata 6 anos un espazo onde desfrutar e onde abrirse ao mundo en galego, unha experiencia sensorial e lingüística que lles permitirá aprender e levar para a casa divertidas cancións e xogos.
Os obxectivos desta actividade son promover o emprego da lingua galega nas idades mais temperás, asociándoo a un contexto lúdico e atractivo; aprender a través do teatro e da música novas palabras para denominar en galego o mundo que nos rodea; estimular a capacidade creativa en galego dos nenos e nenas; buscar a implicación das familias dentro da aprendizaxe global dos nenos/as; estimular a capacidade de atención a través do desenvolvemento dos sentidos (auditivo, visual, tacto…); e crear a necesidade de que a arte en xeral forme parte da vidas dos nenos a das persoas.