- Tematica
Co poemario “Estrita necesidade”, de Carlos Negro, remataron as presentacións de libros que ao longo desta tempada levou a cabo a Concellaría de Cultura, a través do departamento de Bibliotecas. Dende o mes de marzo, o Pazo da Peregrina de Bertamiráns acolleu 10 presentacións e un recital poético. Os eventos satisfixeron as necesidades de todos os públicos, dende adulto, xuvenil ata infantil. Está previsto que as presentacións se retomen no mes de setembro. Cómpre salientar que dezaseis mulleres, dez delas nunha obra colectiva, presentaron as súas obras en Ames.
As editoras teñen en consideración as Biblioteca Municipais do Concello de Ames para programar presentacións e o espazo do Pazo da Peregrina como lugar e centro da cultura para a promoción das obras literarias en Ames e na comarca.
O 10 de marzo de 2021, a autora Aurora Marco acompañada polo grupo musical Barahúnda, inauguraba as presentacións de obras tras a pandemia. No acto, presentado pola concelleira de Cultura, Natividade González, presentou o obra “Irmandiñas”, da Editorial Laiovento.
O mércores 17 de marzo presentouse o libro “Libres e Vivas”, da editorial Galaxia. Trátase dunha obra colectiva de dez autoras diferentes das nosas letras que tratan a literatura, narrativa, poesía e teatro, desde diferentes aspectos que leva a enriquecer a súa achega persoal a esta obra.
Ademais das presentacións, o martes 23 realizouse unha sesión de recitais de poesía e faladoiro sobre a poesía actual en Galicia coa participación de Diego Horschovsk, Dinamizador cultural e organizador Poetry Slam Compostela e Filosofía a Pé de Rúa; Anna R. Figueiredo, escritora, divulgadora cultural e vicepresidenta da AELG; e Carlos Da Aira, poeta e organizador de Poemagosto, Festival Internacional de Poesía en Allariz.
Abril estreouse coa obra xuvenil de Carlos Negro, “Non cantan paxaros neste bosque”, o xoves 8. Ao acto acudiron 32 persoas.
O 15 de abril, o Pazo da Peregrina acolleu a presentación de “Movendo os marcos do patriarcado: o pensamento feminista de Pardo Bazán”, das escritoras Marilar Aleixandre e María López Sández. Un día máis tarde, o venres 16, David Navarro achegábase a Ames coa súa obra infantil “O soño de Liam”.
Tomás Guerrero, escritor de bandas deseñadas, ilustrador e animador 3D que conta historias a través de imaxes, estivo en Bertamiráns o 22 de abril para presentar as súas obras: “A deserción de Stalin” , “Tanta paz leves” e “O neto do homem mais sábio”.
En maio foi Montse Pena Presas, acompañada por Victor Freixanes e Dolores Vilavedra, quen inaugurou a temporada. O día 19 presentou a obra “Intempestiva”, unha biografía literaria de Xela Arias, da Editorial Galaxia.
O xoves 20, Charo Pita e Laura R. Cuba, xunto con Carlos Negro e Daniel Salgado, mostraron a obra de poesía erótica “O cuarto de Jane” e “Rascamasseiras”, ambas da Editorial Caldeirón.
Suso de Toro tamén visitou Ames xunto coa súa obra “Un señor elegante”, de Xerais. Trátase dunha novela de aventuras publicada pola editorial Xerais. En dita presentación participaron o alcalde de Ames, Blas García, e maila concelleira de Cultura, Natividade González.
A última presentación levada a cabo, foi o pasado 10 de xuño cando, o pazo da Peregrina acolleu a presentación de “Estrita necesidade”. Trátase dunha obra escrita por Carlos Negro e ilustrada por Benxamín Otero. O traballo é unha homenaxe á xeración dos pais da posguerra. Ao acto, presentado pola concelleira de Cultura, Natividade González, tamén acudiron o poeta Baldo Ramos e o editor Henrique Alvarellos.
Unha iniciativa que nace fai dous anos
A Concellaría de Cultura comezou coa iniciativa das presentacións a finais de 2019 coa intención de facelas de maneira continuada todos os meses. Non obstante, por motivos alleos, en decembro de 2019 só se realizaron dúas e outras dúas no 2020 debido á situación provocada pola Covid-19 e as medidas sanitarias. Paulo Calvo con “A maldición de San Brandán”, dirixido ao público xuvenil estivo na biblioteca de Bertamiráns, o 4 de decembro de 2019, acompañado de 30 persoas. Nazaret López con “Formigas nos pés”, visitou o Pazo da Peregrina o 19 de decembro de 2019. Ao acto acudiron 100 persoas.
A primeira presentación do 2020 foi o 5 de marzo cando Alfredo Conde presentou “Homes de Ferro” no Pazo da Peregrina ante 30 persoas. Tras o confinamento, retomouse a actividade con Xabier Ron e Irene Tomé coa obra “Os exilios que somos”, o 16 de xullo, acompañados de 20 oíntes.
Novas relacionadas:
El Correo Gallego: "Escritoras galegas prefiren a capital maiá para as súas presentacións literarias"