[21-04-2015] No marco da celebración do Día do Libro, as bibliotecas municipais de Ames recibirán a visita da polifacética escritora e narradora ferrolá Charo Pita. Durante a habitual sesión de contacontos, a autora achegará aos asistentes o seu libro “Nenos e nenas”, dirixido a rapaces de entre tres e oito anos. Será mañá mércores ás 18:00 horas na biblioteca de Bertamiráns, e o xoves, á mesma hora, na do Milladoiro.
Charo Pita di que naceu á idade de seis anos cando rematou de ler o seu primeiro libro e recoñece estar sempre a medio camiño: “non son nin pícara nin adulta, nin gorda nin fraca, nin loura nin morena, nin india nin vaqueira, nin de aquí nin de alí, unha salvaxe apracible, entre o po da viaxe e a modorra dunha butaca vella, unhas veces coa palabra na boca, outra coa música...”
O seu traballo como narradora abrangue diversas áreas, desde o conto infantil ata o relato erótico ou de terror e as montaxes musicais. Tamén imparte talleres de narración oral, desde o ano 1994, por todo o ámbito da xeografía española. Estudou Canto, Interpretación e é licenciada en Filoloxía Hispánica pola Universidade de Salamanca.




