[26-12-2014] A Biblioteca do Milladoiro inaugura hoxe, a partir das 19:00 horas, a exposición do último libro da escritora amesá Mariña Pérez Rei. Trátase dunha escolma de imaxes e poemas impresos en lenzo sobre a cidade de Santiago que se poderá visitar ata o vindeiro 9 de xaneiro. E, entre os días 12 e 23, na Biblioteca de Bertamiráns.
Baixo o título Boca de gárgola, a autora combina a poesía coa fotografía de Martín Pérez Fernández e a análise xornalística de Manuel Gago Mariño para ofrecer, segundo ela, “unha visión realista e anecdótica de Compostela”. Pérez Rei indica que a obra “desconcerta porque non ofrece unha mirada idílica nin turística, senón que fala dos habitantes e do cotián. As fotografías son detalles do que ocorre día a día nesta cidade de pedra”.
Esta colección de fotopoemas, editada pola Editorial Círculo Rojo, “non é unha obra compracente con Santiago” –sinala a autora–. “Renuncio a recrear a cidade-postal e turística, busco a imperfección para captar a cidade máis realista”. A diferenza dos seus últimos traballos, Boca de gárgola é unha mestura de diferentes puntos de vista que atraerá tanto ao lector de poesía como ao amante da fotografía.
Mariña Pérez Rei é licenciada en Filoloxía Hispánica e en Filoloxía Galego-Portuguesa. A poesía e a novela curta compoñen a súa bibliografía, que inclúe títulos como: Canícula, Fanerógama, Apuntamentos para un cuarto confuso e cambiante, Paquidermo ou Contrapicados.




