[09-01-2015] Na Biblioteca do Milladoiro clausúrase hoxe, ás 20:00 horas, a exposición do último libro da escritora amesá Mariña Pérez Rei. A mostra, aberta ao público dende o pasado 26 de decembro, recolle un conxunto de imaxes e poemas impresos en lenzo sobre a cidade de Santiago. O acto desta tarde rematará cun recital de poemas da propia autora e a partir do luns-12 a colección poderá visitarse na Biblioteca de Bertamiráns.
Baixo o título Boca de gárgola, a autora combina a poesía coa fotografía de Martín Pérez Fernández e a análise xornalística de Manuel Gago Mariño para ofrecer, segundo ela, “unha visión realista e anecdótica de Compostela”. Pérez Rei indica que a obra “desconcerta porque non ofrece unha mirada idílica nin turística, senón que fala dos habitantes e do cotián. As fotografías son detalles do que ocorre día a día nesta cidade de pedra”.
Esta colección de fotopoemas, editada pola Editorial Círculo Rojo, “non é unha obra compracente con Santiago” –sinala a autora–. “Renuncio a recrear a cidade-postal e turística, busco a imperfección para captar a cidade máis realista”. A diferenza dos seus últimos traballos, Boca de gárgola é unha mestura de diferentes puntos de vista que atraerá tanto ao lector de poesía como ao amante da fotografía.




