Pestanas principais

As escolas infantís municipais reciben 264 solicitudes de admisión para o vindeiro curso

Venres, 04 de maio de 2012

[04-05-2012] A Escola infantil municipal O Bosque, de Bertamiráns, e a Escola infantil municipal A Madalena, do Milladoiro, publicaron o pasado día 2 de maio as listas provisionais de admitidos e excluídos. Agora ábrese un prazo de dez días hábiles para presentar posibles reclamacións. Posteriormente, entre o 1 e o 15 de xuño abrirase o prazo de matrícula. A Escola infantil O Bosque tivo un total de 127 solicitudes, mentres que na Escola infantil A Madalena houbo 137 solicitudes. As dúas escolas infantís dispoñen de 215 prazas, pero este non é número total de prazas dispoñibles porque moitas xa están ocupadas polos nenos e nenas de 1 e 2 anos que pasan de curso.

Por todos é coñecido que Ames é un dos concellos con poboación máis nova de toda Galicia. Unha boa mostra diso é a gran cantidade de solicitudes que se presentaron para dispor dunha praza nas garderías municipais de cara ao próximo curso. As dúas escolas infantís, a EEI O Bosque en Bertamiráns, e a EEI A Madalena, situada no Milladoiro, recibiron un total de 264 solicitudes. A Escola infantil municipal O Bosque en Bertamiráns tivo 127 solicitudes (22 solicitudes de 0 a 1 anos, 64 solicitudes de 1 a 2 anos e 41 solicitudes de 2 a 3 anos). Mentres que a Escola infantil municipal A Madalena, situada no Milladoiro, recibiu 137 demandas de adhesión (21 solicitudes de 0 a 1 anos, 76 solicitudes de 1 a 2 anos e 40 solicitudes de 2 a 3 anos).

Ambas as dúas escolas ofertan novas prazas para que as familias interesadas poidan deixar aos seus fillos e fillas nestes centros durante o seu horario de traballo. Ademais, estas escolas están capacitadas con todo tipo de instalacións para cubrir perfectamente todas as necesidades do alumnado: sala de berces, un comedor, unha cociña, lavandaría, un almacén e aseos, sen esquecer un parque infantil exterior para os xogos dos máis pequenos.

As clases distribúense por franxas de idades: de 0 a 1 anos, de 1 a 2 anos e de 2 a 3 anos. Nas escolas infantís municipais son susceptibles de ser admitidos todos os nenos e nenas que teñen entre tres meses e tres anos, sempre e cando cumpran os tres anos antes do 31 de decembro de 2012.

Unha vez finalizado o prazo de solicitude realízase unha reunión para baremar todas as solicitudes e asignarlle a cada entrada unha puntuación. En función da devandita puntuación asignaranse as prazas que hai dispoñibles de cara ao próximo curso escolar.

Prazo de formalización da matrícula

Dende o pasado mércores 2 de maio xa se poden consultar as listas provisionais de admitidos e excluídos. Estas listas están expostas nas dúas escolas infantís e na Casa do Concello. Dende o día que se publican estas listas hai un prazo de dez días hábiles para que todo aquel que o considere oportuno poida presentar as correspondentes alegacións. Despois de que saía a lista definitiva de admitidos no mes de xuño, entre os días 1 e 15, todos os admitidos terán que formalizar a matrícula en horario de 9:00 h a 14:00 horas.

Unha vez aceptada a solicitude, os nenos e nenas admitidos na gardería presentarán seis fotografías tamaño carné, a fotocopia do calendario de vacinas, a fotocopia da tarxeta sanitaria e o certificado médico.

Para máis información, os interesados ou interesadas poden dirixirse aos propios centros: a EEI O Bosque situada no número 28 da Avenida da Peregrina, en Bertamiráns; e a EEI A Madalena situada no número 16 da Praza da Madalena, no Milladoiro. Tamén poden chamar aos números de teléfono 981 891 111 e 981 538 433, respectivamente.