[03-11-2015] As escolas infantís municipais O Bosque, en Bertamiráns, e A Madalena, no Milladoiro, despediron o mes de outubro entre pantasmas, morcegos e cabazas, coa tradicional celebración do Samaín. Na tradición dos pobos celtas o Samaín era un dos días máis importantes do ano. A data sinalaba o peche da estación clara e o comezo da escura, ademais do inicio do ano. Unha noite reservada para que os espíritos visitasen aos seus familiares. Os nenos e nenas das escolas infantís municipais O Bosque e A Madalena tiveron ocasión de achegarse a esta tradición e pasárono de medo coas moitas actividades deseñadas para a ocasión.
Durante toda a semana pasada os nenos e nenas da escola infantil A Madalena levaron cabazas das súas casas, decoradas coa axuda das familias. No centro educativo baleiraron as cabazas e decoraron toda a escola para darlle unha imaxe terrorífica. A semana rematou cunha gran festa onde non faltaron as meigas, pantasmas, cabazas e esqueletos. Ademais, as profesoras aproveitaron a festa para contarlle aos nenos e nenas o conto de "Corre corre Cabaciña".
Non foi menos a celebración do Samain na escola infantil municipal O Bosque. Durante toda a semana prepararon as cabazas nas aulas, baleirándoas, pintándoas e decorándoas cos temas que decididiron entre alumnado e profesorado. As familias tamén colaboraron achegando as súas cabazas decoradas da casa, que estiveron expostas na entrada da escola o longo de toda a semana. Como fin de festa, as profesoras dos nenos e nenas de 2 a 3 anos disfrazáronse de meigas para logo facer cos pequenos unha queimada con zume de laranxa e recitar un conxuro moi especial.


Contido relacionado
El Correo Gallego: "El Samaín llena de tradición y terror los centros escolares"




