Pestanas principais

As escolas infantís municipais despiden o curso cun festival

Sábado, 18 de xuño de 2011

[18-06-2011] Os nenos e nenas das escolas infantís municipais O Bosque, de Bertamiráns, e A Madalena, do Milladoiro, despediron o curso cun festival onde actuaron os alumnos/as e as profesoras dos centros. Un total de 128 nenos e nenas de 2 a 3 anos que deixan as escolas infantís de cara ao vindeiro curso recibiron o seu diploma e diversos agasallos. O alcalde de Ames, Santiago Amor, e varios concelleiros do goberno municipal asistiron a estes dous festivais. Tamén asistiron membros dos grupos municipais socialista e nacionalista.


As ultimas excursións

Para despedir o curso os nenos e nenas da escola infantil A Madalena, así como os pais, nais e familiares visitaron o zoolóxico de Vigo. Á hora de comer achegáronse ata a praia de Samil, onde fixeron un pícnic todos xuntos e gozaron da tarde. Os cativos pasárono en grande vendo os diferentes animais que hai neste zoolóxico.

Por outra banda, os nenos de dous e tres anos da escola infantil O Bosque tamén fixeron unha excursión de fin de curso a área recreativa de Tapia, alí xogaron a distintos xogos tradicionais: comba, bolos, chaves, roda, ect. "Despois de xogar e para descansar un pouco de tanto exercicio comeron á sombra uns gusanitos e beberon uns zumes que levaron da escola", explica Emilia Seara, a directora da escola.


Festival da Escola Infantil A Madalena

O festival da Escola Infantil A Madalena tivo unha estrutura moi similar. As tres clases de nenos de 2 a 3 anos fixeron cadanseu baile e interpretaron diversas cancións coma o de "Cocorico". Ademais as profesoras tamén participaron na festa cun baile que prepararon especificamente para este festival. Tralas actuacións os cativos de 2 a 3 anos subiron ao escenario para recibir o seu diploma e o correspondente birrete. O festival da Madalena tamén contou coa presencia do alcalde, Santiago Amor, o concelleiro de Cultura, Educación e Patrimonio, Alfonso Rey, o concelleiro de Comercio, Promoción Económica, Traballo e Turismo, Bernardo Moar, e o concelleiro de Vías, Obras, Parques e Xardíns, Alfredo Taboada. As dúas festas remataron cunha merenda na que tanto pais e nais, como nenos e o persoal da escola pasaron un anaco moi relaxado onde aproveitaron todos para despedirse entre petiscos.


Festival da Escola Infantil O Bosque

No caso da escola infantil O Bosque, o festival de despedida de curso comezou cunha actuación dos nenos acompañados polas mestras, que representaron a canción "A Sereiña". A continuación proxectouse un vídeo sorpresa. O persoal deste centro de ensino, como ven facendo nos últimos festivais, preparou para todos os asistentes a proxección dun vídeo resumo no que se recollían os cambios que sufriron os nenos e nenas dende a súa chegada á escola (algúns aos 3 meses) ata a actualidade. Este vídeo entregouse como un agasallo para os pais e nais asistentes, que sempre móstranse moi contento de ver canto medraron os seus pequeniños/as e, tamén para cativos/as, que deste xeito terán na casa un recordo do seu paso pola escola.

Finalmente, o acto rematou coa entrega de diplomas e agasallos para os nenos por parte da directora do centro e das mestras. O alcalde, Santiago Amor, o concelleiro de Cultura, Educación e Patrimonio, Alfonso Rey, o concelleiro de Deportes, Tempo Libre e Voluntariado, Manuel Ferreiro e o concelleiro de Acción Parroquial e Rural, Emilio Martínez Carballeira, tamén quixeron participar na festa e asistir ao evento. O alcalde asegurou que dende o concello se traballará sempre para que os nenos amienses teñan as mellores escolas e gocen dos mellores servizos. Nesta ocasión os membros do goberno municipal non entregaron os diplomas e os agasallos porque consideran que estas prácticas non lles corresponden, os protagonistas neste días son os nenos/as.


Os nenos e nenas de 2 a 3 anos remataron a súa andaina nas escolas infantís municipais e para o próximo curso terán que comezar os seus estudos nos colexios de segundo ciclo de infantil. Debido a iso organizáronse dous festivais para despedir a todos os alumnos/as que abandonan as garderías municipais.

Os nenos e nenas, pais e nais, profesores e persoal da escola infantil O Bosque celebraron durante a tarde do xoves na Casa da Cultura de Bertamiráns, ás 16:30 horas, a tradicional entrega dos diplomas e o correspondente birrete, que acreditan que os cativos/as, de entre 2 e 3 anos, xa remataron os seus estudos neste centro educativo. Por outra parte, os nenos e nenas da escola infantil municipal A Madalena tamén despedíronse do seu primeiro colexio. Neste caso o festival de fin de curso tivo lugar durante a tarde do venres, na Casa da Cultura do Milladoiro, ás 17:00 horas. De seguido os alumnos/as recibiron un diploma da man das profesoras coas que traballaron e xogaron nestes meses.


Contido relacionado


La Voz de Galicia: "Arte infantil para despedir el curso"