[25-04-2016] As escolas infantís municipais de Ames, O Bosque, de Bertamiráns, e A Madalena, do Milladoiro, están celebrando durante abril o mes do libro. O contador de contos, Anxo Moure, visitou as dúas escolas infantís para compartir cos nenos e nenas diferentes historias. Ademais, na escola infantil O Bosque os alumnos/as formaron unha biblioteca temporal con diferentes contos e recibiron a visita de avós e avoas para contarlles un conto. O alumnado da escola infantil A Madalena realizou unha visita á galería Sargadelos para participar nunha sesión de contacontos da editorial Kalandraka.
As escolas infantís municipais de Ames desenvolven ao longo do curso unha programación de actividades que aglutina diversas actividades. En abril están celebrando o mes do libro. Deste xeito, o alumnado da EIM O Bosque levou da súa casa o conto que mais lle gusta, para compartilo cos seus compañeiros/as durante unha semana. Así, xuntando todos os contos formaron unha biblioteca temporal con todo tipo de contos.
Dende este centro tamén invitaron aos avós e avoas do grupo de 1 a 2 anos a que se achegaran á escola a contarlle un conto aos nenos e nenas. Como tódolos anos esta iniciativa foi unha experiencia moi positiva. Ademais, o contador de contos, Anxo Moure, visitou esta escola para contarlles aos rapaces e rapazas diversas historias e contarlles distintas cancións. Por ultimo, o pasado venres, 22 de abril, celebraron unha gran festa no patio da escola . As profesoras contáronlles contos e os nenos compartiron e gozaron de todos os libros que trouxeron das súas casas.
Por outra banda, na escola infantil A Madalena realizaron unha visita a galería Sargadelos para asistir a unha sesión de contacontos organizada pola editorial Kalandraka. Todos os anos o Concello de Santiago invita aos centros escolares da contorna a participar nesta iniciativa. Este ano baixo o lema “”Contos para despois da choiva” o alumnado da EIM A Madalena do Milladoiro viaxou ata Compostela en autobús para asistir a esta actividade. Ademais de poder asistir a esta sesión de contos, que estaban acompañados de música, os nenos e nenas puideron ver unha exposición na galería Sargadelos.
Asemade, dentro das actividades do mes do libro, os rapaces e rapazas da Madalena tamén recibiron a visita do contador de contos, Anxo Moure, que lles explicou aos nenos e nenas a importancia de non botar lixo aos ríos. Anxo Moure tamén lle desvelou aos nenos, nenas e mestras un dos seus segredos: o corazón de buxo que sempre leva con el. Un corazón que é, en realidade, un peitoque de buxo cuxo son asombrou ao público.




Contido relacionado
El Correo Gallego: "Las escuelas infantiles se vuelcan con el Mes do Libro"




