[27-10-2016] As escolas infantís municipais de Ames están celebrando a chegada do outono. As nenos e nenas de A Madalena debullaron o millo, observaron e aprenderon sobre o comportamento dos caracois e participaron na Festa da Folla. O alumnado do Bosque visitou o Pazo da Peregrina, onde as súas mestras e mestres lles fixeron observar os cambios que a nova estación produce na paisaxe. Ademais, durante esta semana están elaborando traballos plásticos con follas secas para levar logo para casa.
As mestras das escolas infantís municipais de Bertamiráns, O Bosque, e do Milladoiro, A Madalena, aproveitaron o comezo do outono para organizar unha serie de actividades cos pequenos e pequenas. Mesturando a aprendizaxe coa diversión o alumnado aprendeu os cambios que veñen cos meses outonais, a mudanza de cor das follas e a súa caída, ou actividades do campo propias desta época.
Na Madalena debulláronse mazarocas de millo, cuxos grans os nenas e nenos foron botando nas caixas. As mestras levaron caixas con caracois, que se observaron na aula coa axuda de lupas, que permitían distinguir os cornos, as cores das cunchas, e seguir de preto o seu comportamento. Ao longo da pasada semana as familias axudaron a preparar a Festa da Folla, que se celebrou o venres no patio da escola. Pais e nais achegaron follas secas coas que nenas e nenos puideron xogar, observando as súas diferencias ou lanzándoas ao aire. Ademais, as mestras levaron un ventilador para facer bailar as follas.
Os nenos e nenas de 2 a 3 anos do Bosque participaron nunha excursión outonal ata o Pazo da Peregrina de Bertamiráns. Nos seus xardíns as mestras ensináronlles como muda a paisaxe nesta estación: a herba cuberta de follas secas, o momento no que agroman os cogomelos e as árbores caducas que quedan espidas a medida que se aproxima o inverno. Despois de explorar os recunchos do Pazo o alumnado sentouse para tomar a merenda. Ao longo desta semana continuaron as actividades de outono empregando follas secas na elaboración de traballos plásticos. Unha vez rematadas as manualidades poderán levalas para as súas casas.




