Pestanas principais

As escolas infantís municipais celebran os seus festivais de Nadal nas Casas da Cultura de Bertamiráns e do Milladoiro

Martes, 20 de decembro de 2016

[20-12-2016] Os alumnos e alumnas das escolas infantís A Madalena, do Milladoiro, e O Bosque, de Bertamiráns, celebraron os días 15 e 16 de decembro os seus respectivos festivais de Nadal. Nestes actos participaron os propios nenos/as, o persoal das escolas e os pais/nais do alumnado. Todos eles participaron na representación de varios contos e bailes. Antes de rematar o festival os nenos e nenas recibiron a visita dos Reis Magos cos que se puideron fotografar. Ademais, o alumnado da escola municipal A Madalena recibiu a visita de Papá Noel, que se achegou ata a escola para entregarlles os agasallos do seu amigo invisible.

Contos de Nadal, bailes, actuacións sorpresa e a visita dos Reis Magos... estas foron algunhas das actividades que conformaron o programa dos festivais de Nadal que celebraron as escolas infantís municipais O Bosque e A Madalena nos auditorios das casas da cultura de Bertamiráns e do Milladoiro. A estes festivais asistiron varios membros do goberno municipal e dos grupos municipais que forman parte da corporación municipal amesá.

No festival da escola infantil da Madalena, que se celebrou o pasado xoves 15 de decembro, os nenos e nenas de 2 a 3 anos interpretaron a canción Esta noite é Noite Boa. De seguido, foron as mestras e as educadoras da escola as que subiron ao escenario do auditorio da Casa da Cultura do Milladoiro, para representar o conto dos Tres Porquiños. O persoal da escola dou paso aos representantes da ANPA, que cantaron a canción Mi Burrito Sabanero. Por último, os nenos e nenas recibiron a visita do Reis Magos cos que se puideron fotografar e recibiron unha bolsa de lambonadas.

No caso da escola infantil do Bosque, o festival celebrouse o venres 16 de decembro. Tras unha breve presentación, os nenos e nenas de 2 a 3 anos, representaron o conto Volver a casa polo Nadal. A continuación, o persoal da escola representou o conto A mellor sopa do mundo. Tamén participaron os pais e nais cantando e bailando unha canción sorpresa. E por último viñeron os Reis Magos a facerse fotos cos nenos e deixarlles unha bolsa de lambonadas.

Visita de Papá Noel
Por outra banda, o alumnado da escola municipal A Madalena recibiu a visita de Papá Noel, que se achegou ata a escola para entregarlles os agasallos do seu amigo invisible. Os nenos e nenas da escola pasaron unha mañá moi entretida con Papá Noel. Puideron fotografarse con el e dicirlle de primeira man que agasallos lle pediron.