Pestanas principais

As Escolas infantís municipais abren o prazo de inscrición para o curso 2012-2013

Luns, 02 de abril de 2012

[02-04-2012] A Escola infantil municipal O Bosque, de Bertamiráns, e a Escola infantil municipal A Madalena, do Milladoiro, comezan hoxe a recoller as solicitudes de admisión para todos os pais e nais interesados en gozar dos seus servizos de cara ao vindeiro curso escolar. Son susceptibles de matricularse os nenos e nenas que teñan entre tres meses e tres anos. O prazo de inscrición rematará o próximo día 15 de abril. Cómpre lembrar que é preciso pasar polas escolas infantís para recoller a documentación que hai que cubrir para realizar o proceso de inscrición. O horario para recoller e entregar a documentación será de 9:00 h. a 14:00 horas, nos propios centros de ensino. As dúas escolas infantís dispoñen de 215 prazas, pero este non é número total de prazas dispoñibles porque moitas xa están ocupadas polos nenos e nenas de 1 e 2 anos que pasan de curso.

As escolas infantís municipais ofertan novas prazas para que as familias interesadas poidan deixar aos seus fillos e fillas nestes centros durante o seu horario de traballo. Ademais, estas escolas están capacitadas con todo tipo de instalacións para cubrir perfectamente todas as necesidades do alumnado: sala de berces, comedor, cociña, lavandería, un almacén e aseos, sen esquecer un parque infantil exterior para os xogos dos máis pequenos.

As clases distribúense por franxas de idades: de 0 a 1 anos, de 1 a 2 anos e de 2 a 3 anos. Nas escolas infantís municipais son susceptibles de ser admitidos todos os nenos e nenas que teñen entre tres meses e tres anos, sempre e cando cumpran os tres anos antes do 31 de decembro de 2012. Para inscribirse tan só é necesario pasar polo centro a recoller a carpeta da inscrición, cubrir o modelo e achegar a documentación necesaria. É preciso entregar todo antes do día 15 de abril. O horario para recoller e entregar a documentación será de 9:00 h. a 14:00 horas.

Documentación que hai que achegar
As solicitudes deberán ir acompañadas da documentación acreditativa da situación familiar con dúas fotocopias compulsadas do libro de familia onde figure o alumno ou alumna para o que se solicita o ingreso e os seus irmáns. Ademais, achegará a fotocopia do DNI ou pasaporte dos pais/nais ou titores. Nas oficinas da escola solicitarase o certificado de empadroamento e convivencia que será expedido e incorporado ao expediente polo Concello de Ames.

Por outra banda, deberá presentarse a documentación acreditativa da situación económica con dúas copias cotexadas da última declaración da renda, de todos os membros da unidade familiar, ou, no seu defecto, o certificado emitido pola delegación de Facenda que avala a súa non presentación.

No caso dos profesionais autónomos deberase acreditar tamén os pagamentos fraccionados do ano correspondente, mentres que nos casos de nulidade, separación ou divorcio matrimonial a renda será a de quen exerza a patria potestade do pequeno. No caso de cursar estudos oficiais, acreditarase tal circunstancia, de igual forma que as persoas desempregadas achegarán o certificado do INEM.

Outra documentación complementaria que hai que presentar é a autorización para consulta de datos en facenda (modelo de aceptación do RRI), que xa está incluída na carpeta de documentación que se recolle nas escolas infantís, o expediente do organismo correspondente por deficiencia física, psíquica ou sensorial ou enfermidade do neno/a ou dalgún membro da unidade familiar; e outros documentos se proceden no que consten incidencias susceptibles de puntuación no baremo.

Prazo de presentación das solicitudes
O prazo de inscrición estará aberto dende o día 1 ata o 15 de abril. Haberá que pasar polas escolas infantís para recoller e entregar o modelo de solicitude (carpeta de cartón) onde o persoal prestará a axuda necesaria para cubrir debidamente o impreso.

A mediados do mes de maio publicaranse as listas provisionais de admitidos/as e haberá un prazo de dez días para presentar posibles reclamacións. Posteriormente, entre o 1 e o 15 de xuño abrirase o prazo de matrícula. Unha vez aceptada a solicitude, os nenos/as admitidos na escola presentarán seis fotografías tamaño carné, a fotocopia do calendario de vacinas, a fotocopia da tarxeta sanitaria e o certificado médico.

Para máis información, os interesados ou interesadas poden dirixirse aos propios centros: a EIM O Bosque situada no número 28 da Avenida da Peregrina, en Bertamiráns; e a EIM A Madalena situada no número 16 da Praza da Madalena, no Milladoiro. Ou ben utilizar os teléfonos 981 891 111 e 981 538 433, respectivamente.