[13-10-2016] O Concello de Ames, a través da concellaría de Deportes, puxo en marcha unha nova edición das Escolas deportivas municipais, que este ano acadaron un novo récord de participación con 1.751 usuarios e usuarias matriculados/as. A impartición desta actividades correrá a cargo da empresa Serviplustotal SL, despois de que se sacará este servizo a licitación. O novo contrato, que dispón dunha duración inicial de dous anos máis a opción de dúas prórrogas ata un máximo de catro tempadas, ten varias novidades e beneficios tanto para o Concello coma para os usuarios/as. A nova empresa adxudicataria do servizo achegará 5.000 euros en material deportivo, ademais, dunha bolsa de 150 horas gratuítas por tempada. En total ofrécense 16 modalidades deportivas para os nenos/as e adultos.
O alcalde de Ames e concelleiro de Deportes, José Miñones, explica que “dende a administración local temos o deber de fomentar a actividade deportiva entre a poboación infantil e xuvenil co obxectivo de que adquiran uns hábitos saudables de vida. Isto faise a través do servizo municipal das Escolas deportivas, que este ano están tendo un gran éxito de participación. Ademais, dentro do programa deportivo ofrécense actividades para que os adultos poidan facer deporte. Para este curso unha das novidades foi a inclusión da modalidade de aerozumba no lugar do aerobic”.
A oferta das Escolas deportivas para o curso 2016-2017 inclúe 16 actividades diferentes: 12 disciplinas de fomento do deporte para menores de 14 anos e 4 de `Ponte en forma´, para as persoas maiores de esa idade. O concelleiro de Deportes expresou que se quere así “achegar unha oferta á adolescencia que non practica ningún deporte”. O programa de `Ponte en forma´ inclúe actividades de pilates; sipinning, abdominais e glúteos; ximnasia de mantemento e, por primeira vez, aerozumba. Estas actividades impártense nos centros sociais de Tapia, Biduído, Ameixenda, Aldea Nova e nos centros socioculturais de Bertamiráns e do Milladoiro, apostando “pola realización de actividades no rural”. As persoas menores de 14 anos poden practicar ballet, baloncesto, fútbol sala masculino ou feminino, judo, natación, patinaxe, predeporte, tenis, voleibol, xadrez e ximnasia rítmica.
A actividade de aerozumba tivo un gran éxito de inscrición e conta cun total de 178 usuarios/as, mentres que pilates conta con 322 inscritos/as, a ximnasia de mantemento ten 158 usuarios/as e sipinning, abdominais e glúteos ten 102 persoas matriculadas. Nas actividades de fomento do deporte a que máis usuarios/as inscritos ten é a de patinaxe con 238 rapaces e rapazas, seguida da de baloncesto con 112 nenos/as; tenis con 111 e judo con 108.
Acordo cos clubs deportivos amesáns
Despois de diferentes reunións mantidas polo Consello Consultivo Deportivo a Concellaría de Deportes chegou a un acordo con diversos clubs amesáns, que serán os encargados de impartir varias das disciplinas: xadrez o club Millarengo, patinaxe no Milladoiro o club Omega, fútbol sala feminino o Meigas FC, baloncesto o club Básquet de Ames, patinaxe en Bertamiráns e Barouta o club Sarela, voleibol o CV Bruxas, o fútbol sala co Bertamiráns FC e fútbol sala o Milladoiro SD.
O Concello de Ames asinou contratos de prestación das Escolas Deportivas con estes clubs, no que o rexedor amesán considera unha aposta “pola promoción do deporte e as entidades deportivas de Ames". O alcalde sinala que está “convencido” de que as entidades amesás son as que mellor poden “desenvolver estas Escolas, sen ánimo de lucro e co obxectivo de estender a práctica deportiva na sociedade amesá”. O rexedor estende o seu agradecemento aos clubs e asociacións “por esta colaboración e pola súa implicación”.
Neste curso o Concello de Ames contará coas instalacións deportivas dos pavillóns de Bertamiráns e do Milladoiro, as salas de usos múltiples das Casas de Cultura, o pavillón do CEIP de Barouta, o de Agro do Muíño, o ximnasio do IES de Milladoiro e o centro Squash para os cursos de natación. O alcalde admite que “existe unha evidente demanda de instalacións deportivas”. Miñones afirma, así mesmo, que dende o goberno municipal “estase buscando financiamento para a súa construción, e para a mellora das existentes” ademais de continuar “asinando acordos cos centros educativos para posibilitar a práctica deportiva do vindeiro curso”.
Licitación do novo contrato
A impartición desta actividades correrá a cargo da empresa Serviplustotal SL, despois de que se sacará este servizo a licitación a través dun procedemento aberto, oferta economicamente máis vantaxosa con varios criterios de adxudicación e tramitación urxente. O novo contrato, que dispón dunha duración inicial de dous anos máis a opción de dúas prórrogas ata un máximo de catro tempadas, ten varias novidades e beneficios tanto para o Concello coma para os usuarios/as.
Deste xeito, a nova empresa adxudicataria do servizo achegará 5.000 euros en material deportivo, ademais, dunha bolsa de 150 horas gratuítas por tempada. Asemade, realizase unha mellora da retribución bruta do monitor deportivo que pasará a percibir 11,85 euros por hora. Cómpre salientar que se haberá monitores para impartir 5 horas á semana de actividades para nenos con necesidades especiais. Os prezos máximo de hora de servizo quedan establecidos en 20,51 euros (IVE incluído).
Para o alcalde “esta licitación marca as diferencias con respecto ao feito con anterioridade e o beneficio na retribución dos monitores será o beneficio na prestación das escolas. Ademais, cumprimos co denunciado no seu día apostando claramente pola calidade cun proceso aberto”.





