Pestanas principais

As Escolas de Verán de Ames pechan as súas portas cunha gran festa de clausura para os rapaces e rapazas amienses

Xoves, 01 de setembro de 2011

[01-09-2011] Ames, 31 de agosto de 2011. Comeza o mes de setembro e con el remata a tempada de verán e iníciase un novo curso. As vacacións dos máis pequenos tocan xa ao seu fin e, arestora, é o momento de comezar cos libros e coa emoción de estrear novo material escolar. O verán desvanécese e chega a volta ao cole cos nervios e coa ilusión dos primeiros días e, a súa vez, coa tristeza de ter que volver a estudar. Os rapaces e rapazas das Escolas de Verán do Concello de Ames non só estarán tristes por ter que comezar os estudos senón que, tamén, botarán en falta a súa participación nesta iniciativa de entretemento. Fixeron novos amigos/as e gozaron de xogos e numerosas actividades lúdicas e educativas, así como dalgunhas sorpresas que os mantiveron entretidos durante os meses de xullo e agosto. Este mércores, as escolas de verán tocaron as súas últimas notas e, por iso, os nenos e nenas de Bertamiráns e Milladoiro puideron gozar dunha festa de clausura que fixo as ledicias dos máis pequenos. Un evento onde os rapaces comeron lambonadas, xogaron e bailaron ata quedaren exhaustos. Ademais, en Bertamiráns disfrazáronse ata transformarse por un día, en piratas, princesas e superheroes, entre outros personaxes

A Escola de Verán en cifras

Esta iniciativa, posta en marcha un ano máis polo Concello de Ames co obxectivo de favorecer a conciliación laboral e familiar na tempada estival, contou coa participación de 325 rapaces nas escolas de Bertamiráns e Milladoiro. A Escola de Verán dividiuse en catro quendas repartidas nas quincenas de xullo e agosto. É importante destacar que, moitos rapaces gozaron das escolas durante un mes enteiro e outros participaron durante os dous meses do programa de entretemento.

Durante o mes de xullo, o número de cativos e cativas que gozaron das actividades situáronse en torno aos 200 participantes. Por outra banda, o mes de agosto supuxo un lixeiro descenso no número de rapaces e rapazas que asistiron as escolas de verán cunha cifra aproximada de 130 rapaces. A Escola de Verán do Milladoiro con 178 asistentes contou con máis nenos que a situada no núcleo de Bertamiráns que, na súa totalidade, tivo 147 cativos.

Dous meses de auténtico entretemento

As Escolas de Verán do Concello de Ames desenvolveron diversas actividades que os rapaces e rapazas amienses gozaron durante os meses de xullo e agosto. Múltiples formas de facer manualidades e xogos en equipo conseguiron que os cativos e cativas amienses se relacionasen entre eles para que, arestora, sexan os perfectos compañeiros de xogo. A solidariedade, o respecto e a igualdade convertéronse nos principais fundamentos das súas xornadas diarias.

Na escola de Bertamiráns o programa de actividades estivo orientado ao coidado do propio corpo e a preservación do medio ambiente. Durante o mes de xullo, os cativos aprenderon e perfeccionaron os seus coñecementos relacionados co seu propio corpo e co coidado do mesmo e realizaron numerosas manualidades como barcos, cadros de area e serpes decorativas como topes de portas. Por outra banda, durante o mes de agosto as actividades estiveron orientadas a conservación e ao coidado do medio ambiente e a importancia de que o ser humano coide a natureza que o rodea. Por iso, entre outros eventos, os nenos e nenas de Bertamiráns realizaron pequenos cultivos de pemento, leitugas e perexil na horta e aprenderon algunhas cuestións relacionadas coa contaminación e co cambio climático.


A escola de Millladoiro centrou o seu programa no mundo do circo e do cine e no espazo mariño. No mes de xullo, os rapaces e rapazas tiveron as actividades orientadas cara o mundo mariño onde aprenderon as especies que se atopan no mar. Con motivo desta temática, os cativos fixeron unha filme que foi proxectada a finais do mes de xullo na Casa da Cultura e que contou coa presenza dos pais e nais dos máis pequenos. Tratábase da proxección dun programa de entretemento coñecida como Ames Directo na que os nenos e nenas fixeron de presentadores, bailaríns, actores, reporteiros e, escenógrafos. Por outra banda, no mes de agosto, o seu programa de actividades estivo dirixido ao mundo circense onde os asistentes adquiriron coñecementos sobre as características do circo e dos distintos artistas que o compoñen e, a súa vez, aprenderon a facer malabares e acrobacias.

Campaña "Ponlle as pilas ao teu bocata"

Porén, as actividades non se desenvolvían baixo un axenda pechada senón que os rapaces e rapazas amienses puideron gozar dalgunhas sorpresas. Entre outras destaca a presenza da campaña "Ponlle as pilas ao teu bocata" nas escolas de verán, nesta xornada os asistentes, mediante un xogo, convertéronse en auténticos pescadores e expertos en conservas, así como aprenderon a importancia de incluír o peixe nas súas dietas alimenticias. Pero, as sorpresas non quedaron aí. En Bertamiráns, os nenos/as fixeron unha visita ao Concello onde coñeceron o funcionamento da Administración local, falaron co alcalde e gozaron da Festa da Auga no Pazo da Peregrina. Mentres tanto, a rapazada do Milladoiro gozou dun espectáculo de clown e malabares do dúo Brincadeira e, por outra banda, os cativos/as tiveron unha xornada de convivencia cos nenos e nenas de Padrón que participaron no Concilia Verán.

A Escola de Verán pecha as súas portas cun final de festa cheo de música e xogos para os máis pequenos que con moita alegría gozaron como nunca das actividades de entretemento que se puxeron a súa disposición. Arestora, ábrese unha nova xanela para os máis pequenos e tamén para os seus pais e nais posto que aparece con forza o Setembro lúdico. Un adeus as escolas de verán e unha benvida para o Setembro lúdico.


As Escolas de Verán de Milladoiro e Bertamiráns remataron a última quenda de actividades programadas para os cativos e cativas participantes neste programa de entretemento. Con motivo da finalización desta iniciativa, os rapaces e rapazas amienses contaron cunha festa de despedida na que bailaron, xogaron, disfrazáronse e comeron moitas lambonadas. Un gran evento de clausura que pecha dous meses de actividades, xullo e agosto, orientadas ao divertimento dende o punto de vista educativo. Esta festividade foi a guinda perfecta para clausurar as Escolas de Verán de Milladoiro e Bertamiráns que fixeron as ledicias dos pais e dos cativos do municipio.


Contido relacionado


El Correo Gallego: "Ames finalizó la Escola de Verán con una gran fiesta"
La Voz de Galicia: "Ames y Oroso cierran los programas de verano con actos deportivos"