[12-09-2017] A vindeira semana abre o prazo de inscrición nas tres Escolas Culturais postas en marcha para este curso 2017/2018. A matrícula permanecerá aberta do 18 ata o día 22 de setembro. O proceso de inscrición pódese realizar de xeito presencial ou de forma telemática. As prazas adxudicaranse por sorteo público, que se celebrará o luns 25 de setembro, ás 12:00 horas, na Casa da Cultura do Milladoiro. Non se conceden as prazas por orden de chegada. As clases comezarán durante semana do luns, 2 de outubro, e rematarán o 31 de maio de 2018. As persoas interesadas poderán solicitar máis información chamando ao teléfono 981 535 940 ou enviando un correo ao enderezo electrónico cultura@concellodeames.gal
Programa de actividades das Escolas Culturais
A programación das tres Escolas Culturais divídese do seguinte xeito: a Escola de Artes Plásticas dispón de actividades de Arte miúda para nenos e nenas de 3 a 6 anos e actividades de Manualidades, para maiores de 16 anos. Para estas actividades hai 60 prazas para persoas maiores de 16 anos e 30 para nenas e nenos de entre 3 e 6 anos.
A Escola de Teatro dispón de actividades de Teatro infantil e xogo dramático, para dous grupos diferentes de idades (nenos/as de 3 a 6 anos e rapaces e rapazas de 7 a 11 anos), así como actividades de Expresión dramática para mozos/as de 12 a 18 anos. Tamén existe un grupo para o grupo municipal e teatro. Neste caso hai 75 prazas para os rapaces e rapazas e 15 para o grupo municipal de teatro.
Por último, na Escola de Baile impártense actividades de baile de salón. Existe unha oferta de 60 prazas para persoas maiores de 16 anos. As clases das tres Escola Culturais impartiranse nas Casas de Cultura do Milladoiro e de Bertamiráns.
O curso 2017/2018 tamén comeza nas Escolas Culturais municipais de Teatro, Artes Plásticas e Baile. Dende o próximo luns, 18 de setembro, permanecerá aberto o prazo de inscrición, con 240 prazas dispoñibles. A Concellaría de Educación e Cultura ofrece clases para nenos/as e para persoas maiores de 16 anos, tanto na Casa da Cultura do Milladoiro como na de Bertamiráns. Os prezo das actividades é de 50 euros por curso para persoas maiores de 18 anos e de 40 para os menores de esa idade. No caso de familias que inscriban a unha segunda persoa menor de 18 anos o prezo do curso diminuirá a 20 euros, e a 10 se inscriben ademais a unha terceira persoa.
Terán prioridade de matrícula aquelas persoas que xa participaran nalgún obradoiro cultural o ano anterior, pero só se a inscrición se realiza na mesma actividade e grupo que no curso anterior. Para poder formar grupo deberanse cubrir a metade máis unha das prazas ofertadas. A matrícula poderase realizar tamén unha vez comezado o curso, sempre que haxa actividades con prazas dispoñibles. O prezo da actividade calcularase multiplicando o importe mensual polo número de meses de clases restantes.
Renovación de prazas e novas matrículas
A renovación de praza poderase facer tanto telematicamente, a través dun banner instalado na cabeceira da páxina web municipal, como presencialmente na Casa da Cultura do Milladoiro ou no Pazo da Peregrina de Bertamiráns, en horario de 9:00 a 14:00 horas. Unha vez tramitada solicitarase a folla de autoliquidación no enderezo cultura@concellodeames.gal. O importe da matrícula deberase aboar antes das 14:00 horas do 22 de setembro. Aqueles e aquelas que se inscriban por primeira vez nunha actividade, ou que queiran matricularse nun grupo distinto, deberán facer o trámite de forma presencial nas oficinas anteriormente mencionadas. As inscricións para menores de 18 anos deberán ser acompañados polos datos das persoas proxenitoras ou titoras.
Unha vez cubertas as prazas polas persoas que renoven matrícula sortearanse as restantes, en sorteo público aberto, o luns 25 de setembro ás 12:00 horas, na Casa da Cultura do Milladoiro. O martes 26 publicaranse as listas de persoas admitidas nos taboleiros do Pazo da Peregrina e da Casa da Cultura do Milladoiro. Solicitarase entón a folla de autoliquidación nos locais de inscrición ou no enderezo electrónico cultura@concellodeames.gal, pechándose o prazo para o pagamento o 29 de setembro ás 14:00 horas.