[30-12-2014] A Escolanía da Catedral de Santiago “Ángeles de Compostela” ofreceu na tarde do luns en Bertamiráns un concerto de panxoliñas, que finalizou co clásico francés “Os rapaces do coro”. Quince voces acompañadas polo organista da catedral Adrián Regueiro e dirixidas polo mestre José Luis Vázquez debullaron pezas tradicionais para gozo dos asistentes na Casa da Cultura, entre os que estaban o alcalde amesán, Santiago Amor, o edil de Educación, Bernardo Moar, e o cóengo de Arte e párroco de Bugallido, Daniel Lorenzo.
A Escolanía da Catedral de Santiago é un coro infantil que agrupa a unha vintena de voces, maioritariamente femininas, que iniciou unha nova andanza en 2008 tras a súa desaparición nos anos setenta. Foi revitalizada para cantar nas celebracións litúrxicas da basílica compostelá, sobre todo naquelas que revisten singularidade ou solemnidade, ao tempo que constitúe unha actividade formativa de canto coral.
Contido relacionado

El Correo Gallego: "Concierto de la Escolanía desde Bertamiráns"




