[28-12-2012] A Casa da Cultura do Milladoiro recibe o vindeiro domingo a Escolanía da Catedral de Santiago, que ofrecerá un concerto de Nadal ás seis da tarde. O programa, que durará aproximadamente unha hora, inclúe vilancicos populares de varios países de Europa, África e América (como Colombia, Arxentina, Brasil, Estados Unidos ou Inglaterra), así como pezas galegas. Esta actuación forma parte da programación de Nadal deseñada polo Concello de Ames, na que se inclúen preto de 40 actividades pensadas para todos os públicos.
O coro infantil da seo compostelá está integrado por vinteseis voces, foi refundado no ano 2008 e está dirixido polo compostelán José Luís Vázquez, responsable tamén do coro de nenos da Orquestra Sinfónica de Galicia, con sede en A Coruña. Actúa regularmente nas misas solemnes e singulares da catedral, pero cada vez máis sae da basílica para achegar o seu repertorio a todo tipo de públicos. Pretende ser un verdadeiro centro de canto coral e lugar de formación tanto musical como de novas voces.
A Escolanía interveu na misa que oficiou o papa Benedito XVI, en novembro de 2010 na praza do Obradoiro, conxuntamente coa Real Filharmonía de Galicia, así como nos actos de apertura da Porta Santa o 31 de decembro de 2009 con motivo do ano santo compostelán.





