Pestanas principais

A Escola Municipal de Teatro de Negreira representa mañá en Bertamiráns o espectáculo “O mundo está tolo e ti ségueste duchando”

Xoves, 12 de novembro de 2015

[12-11-2015] Este venres, 13 de novembro, continúa a X Mostra de Teatro Afeccionado de Ames coa participación da Escola Municipal de Teatro de Negreira, que representará o espectáculo “O mundo está tolo e ti ségueste duchando”, unha visión surrealista da humanidade de ton absurdo e esperpéntico. A Mostra péchase o próximo venres, 27 de novembro, coa actuación do Grupo de Teatro Municipal de Ames que interpretará “A Voda” de Chejov. Estes dous espectáculos representaranse, ás 21:00 horas, na Casa da cultura de Bertamiráns. A entrada é libre e gratuíta ate completar aforo.

O concelleiro de Educación e Cultura, David Santomil, lembra que “a X Mostra de Teatro Afeccionado de Ames comezou o pasado venres, 6 de novembro, na Casa da Cultura do Milladoiro coa representación da peza teatral O ollo que todo o ve, a cargo da compañía The Puntillas Teatro, que naceu ao abeiro da Escola Municipal de Teatro de Santa Comba. A primeira xornada da Mostra tivo unha boa resposta por parte do público, xa que preto de 100 persoas acudiron ao Milladoiro para ver este espectáculo”.

A Mostra de Teatro Afeccionado continúa este venres, 13 de novembro, na Casa da Cultura de Bertamiráns coa actuación da Escola Municipal de Teatro de Negreira que interpretará O mundo está tolo e ti ségueste duchando, unha visión surrealista da humanidade de ton absurdo e esperpéntico. A directora desta comedia, Sandra Lesta, cualifica esta peza como “unha visión da humanidade con tintes surrealistas ou absurdas, estrañas, esperpénticas, singulares” e salienta que “dende unha azotea dun edificio ata o Museo do Prado, amósase a esencia do ser humano e as súas condutas máis salientables e menos admirables”.

Non é a primeira vez que a Escola Municipal de Teatro de Negreira actúa en Ames. No ano 2011, e no marco tamén da Mostra de Teatro Afeccionado de Ames, puxo en escena a peza Vida e obra de Xan dos Bolos. Un ano máis tarde interpretou Vaia función, e no ano 2013 presentouse na Mostra co espectáculo Nun tren. A Escola de Negreira comezou a funcionar no ano 2009. O número de alumnos/as non deixou de medrar ano tras ano, contando na actualidade con máis de cincuenta distribuídos por grupos de idade. Participan da actividade dende nenos de 4 anos a maiores de 35, que cada curso ensinados e dirixidos por Sandra Lesta, aprenden a arte da interpretación e a creación teatral.

Grupo municipal de teatro de Ames
Para rematar a mostra, o venres 27 de novembro, chegará á Casa da Cultura de Bertamiráns o grupo municipal de teatro de Ames coa súa última produción A Voda. Esta peza teatral está artellada sobre unha dramaturxia que reúne, asemade, os textos Tráxico á forza e Sobre os males que provoca o tabaco. Cómpre salientar a achega fundamental destas obras dramáticas do teatro universal ao patrimonio do teatro e da cultura galegas, gracias ás traducións e ao labor desenvolvido ao longo das últimas décadas por Francisco Pillado Mayor.

Esta peza teatral está dirixida por Mónica Camaño. O deseño do espazo escénico, o aderezo e o vestiario correu a cargo da propia Mónica Camaño e dos actores e actrices que participan nesta peza teatral, mentres que o deseño de iluminación ten a firma de Ze Paredes, que xa preparou as últimas montaxes do grupo. Do deseño gráfico encárgase Pablo Gulín, mentres que o soporte técnico é de Armando Salas.