Pestanas principais

A escola municipal de teatro de Negreira presenta Vida e Obra de Xan dos Bolos Crus na Casa da Cultura de Bertamiráns

Xoves, 09 de xuño de 2011

[09-06-2011] A Escola municipal de teatro de Negreira presenta este xoves día 9 de xuño a peza teatral Vida e Obra de Xan dos bolos crus. A Casa da Cultura de Bertamiráns é o escenario escollido para acoller, a partir das 21:00 horas, esta obra dirixida a un público adulto, maior de trece anos e cunha duración de noventa minutos. Recolle aspectos da cultura popular no mundo rural entre os anos corenta e os oitenta.

A Casa da cultura de Bertamiráns acolle este xoves a peza teatral Vida e Obra de Xan dos Bolos Crus da Escola Municipal de teatro de Negreira, coa colaboración do Concello de Negreira. A obra comeza ás 21:00 horas e vai dirixida a un público maior de trece anos. Esta obra representa a cultura popular do mundo rural na voz do personaxe Xan dos Bolos entre os anos corenta e os oitenta.

"Chámome Xan porque parece ser que para ser Juan tería que ser máis listo e para ser Juancito tería que ser rico (...) Eu nacín alá polos 40 en plena posguerra, en plena miseria, na que pasábamos moita fame, case todos (...) Á escola moito non fun, só os días que chovía moito e non se podía ir cás vacas. (...) Unha das cousas que máis marcou a miña vida foron as festas, pasábao tan ben alí cás mozas¡¡, bueno, iso se lle cadraba claro¡".

Esta é a sinopse da peza teatral que ten unha duración de noventa minutos e que conta cun elenco de dez actores, cada un deles representa distintos personaxes. O guión orixinal é de Anxo Lesta e foi adaptado pola súa filla para a representación no teatro, Sandra Lesta, a súa vez directora da mesma. A maioría dos intérpretes levan xa tres anos no grupo teatral, entre os que se encontra Marcos Quintáns, Antonio Pensado, Susana Freita, Diana Freita, Anxo Lesta, María Búa, Ana Pensado, Isabel Quintana, María José Miguez e Ana Vieito.

Vida e Obra de Xan dos Bolos Crus foi estreada o pasado mes de maio no Concello de Negreira, con motivo da mostra de teatro que reuniu a outros grupos da comarca, tivo unha gran acollida polos veciños e veciñas. Aínda que ten unha duración de hora e media é unha obra dinámica na que as escenas se suceden de xeito rápido e nos distintos escenarios que frecuenta o personaxe de Xoán. Unha taberna, a súa propia casa, a igrexa, entre outros espazos do rural no que os distintos personaxes teñen conversacións sobre as costumes, as festas do lugar e os distintas temas populares.