[28-10-2015] A Escola Municipal de Teatro de Negreira inaugura o venres 6 de novembro na Casa de Cultura de Milladoiro, a X Mostra de Teatro Afeccionado de Ames coa obra “O mundo está tolo e ti ségueste duchando”, unha visión surrealista da humanidade de ton absurdo e esperpéntico. A Mostra completarase con “O ollo que todo o ve”, da Escola Municipal de Teatro do Concello de Santa Comba que se porá en escena na Casa da Cultura de Bertamiráns o venres 13 de novembro e a actuación do Grupo de Teatro Municipal de Ames que interpretará “A Voda” de Chejov o venres, 27 de novembro, na Casa da cultura de Bertamiráns. Todas as representacións son ás 21:00 horas. A entrada é libre e gratuíta ate completar aforo.
Sandra Lesta, a responsable da Escola Municipal de Teatro de Negreira, dirixe ¨O mundo está tolo, e ti ségueste duchando¨. Lesta cualifica esta peza como “unha visión da humanidade con tintes surrealistas ou absurdas, estrañas, esperpénticas, singulares” e salienta que “dende unha azotea dun edificio até o Museo do Prado, amósase a esencia do ser humano e as súas condutas máis salientables e menos admirables”.
Non é a primeira vez que a Escola Municipal de Teatro de Negreira actúa en Ames. No ano 2011, e no marco tamén da Mostra de Teatro Afeccionado de Ames, puxo en escena “Vida e obra de Xan dos Bolos”. Un ano máis tarde interpretou “Vaia función”, e no ano 2013 presentouse na Mostra con “Nun tren”. A Escola comezou a funcionar no ano 2009. O número de alumnos/as non deixou de medrar ano tras ano, contando na actualidade con máis de cincuenta distribuídos por grupos de idade. Participan da actividade dende nenos de 4 anos a maiores de 35 que cada curso, ensinados e dirixidos por Sandra Lesta, aprenden a arte da interpretación e a creación teatral.
A X Mostra de Teatro Afeccionado de Ames presentará dúas obras máis: “O ollo que todo o ve”, da Escola Municipal de Teatro do Concello de Santa Comba que se porá en escena na Casa da Cultura de Bertamiráns o venres 13 de novembro, e "A Voda" de Chejov que representará o Grupo de Teatro Municipal de Ames o venres, 27 de novembro, na Casa da cultura de Bertamiráns.
Todas as representacións son ás 21:00 horas. A entrada é libre e gratuíta ate completar aforo.




