[22-06-2011] A Escola Municipal de Música de Ames (EMMA) presenta hoxe, como cada ano, o concerto de fin de curso no que participarán todos os alumnos e alumnas da escola cos seus respectivos instrumentos. O concerto terá lugar na Casa da Cultura de Milladoiro a partir das 20:30 horas. Os nenos e nenas da EMMA terán a oportunidade de mostrar, sobre todo aos seus pais e nais, canto aprenderon durante o curso e despediranse con música, como non podía ser de outro xeito, dos seus compañeiros e profesores ata o vindeiro curso.
O concerto de clausura da Escola Municipal de Música de Ames estará presentado por dúas alumnas de piano e linguaxe musical, Carla Caamaño e Iria Rodríguez. Durante as actuacións os nenos e nenas da escola tocarán pezas amenas, e interpretarán tanto aos clásicos (Mozart ou Bethovenn), coma pezas máis modernas de Amaral ou de películas coñecidas coma "A Guerra das Galaxias", as pezas non terán moita duración co fin de facer máis ameno o festival.
O principal obxectivo deste concerto é que todos e cada un dos alumnos e alumnas da escola poidan poñer en práctica as destrezas que adquiriron cos seus instrumentos durante este curso. Aos nenos e nenas faille unha especial ilusión tocar diante dos seus pais e nais, pero tamén para toda a cidadanía en xeral que desexe gozar do concerto.
A actuación contará coas interpretacións dos alumnos/as de piano, saxofón, batería e percusión, linguaxe musical, música e movemento, violín, frauta e guitarra. Primeiramente o concerto comezará cunha demostración dos alumnos/as de Música e Movemento, que interpretarán "A caracola Manola" e "O Gharatiño". Seguidamente interpretaranse unha homenaxe a Nirvana e logo será a quenda da Orquestra de guitarras que interpretará "La Bamba".
O concerto continuará coas actuacións dos nenos/as de combo instrumental, piano, violín, saxofón, canto e percusión. Os cativos e cativas de linguaxe musical tamén terán a oportunidade de participar neste concerto e intervirán coas pezas "Amé Amé", os grupos de cuarto e terceiro, e con "Eva e Adán", os grupo de terceiro e segundo.
Este concerto clausurará o curso 2010-2011 e servirá para mostrarlles ás familias do alumnado e á cidadanía en xeral o traballo que se desenvolveu durante estes oito últimos meses na EMMA. Todos os nenos e nenas que este ano asistiron ao IES de Ames a ao CEIP de Ventín para recibir clases de música terán a oportunidade este mércores de demostrar as súas destrezas e habilidades co instrumento que tocan.