[20-08-2013] A Escola Municipal de Música de Ames, dependente da Concellería de Cultura, rexistrou un total de 206 matriculados de cara ao vindeiro curso académico. Uns 167 alumnos/as continúan estudos na escola de música, mentres que 39 son novos alumnos/as que se matricularon por primeira vez neste servizo municipal. No décimo aniversario da Escola Municipal de Música de Ames superáronse por primeira vez as 200 matrículas. O venres 13 de setembro, ás 20:00 horas, haberá unha reunión informativa sobre o inicio do curso 2013-2014 no Centro multiusos de Aldea Nova para pais/nais e alumnos/as da escola. As clases na Escola Municipal de Música comezarán o luns 16 de setembro.
Increméntase o número de usuarios/as
Dentro das medidas adoptadas para mellorar o funcionamento da Escola Municipal de Música inclúese o nomeamento dun coordinador que traballa en colaboración co persoal municipal adscrito a este servizo municipal.
Para o curso 2013-2014 rexistráronse un total de 206 matrículas. Uns 167 alumnos/as continúan estudos na escola de música, mentres que 39 son novos alumnos/as que se matricularon por primeira vez neste servizo municipal. O novo alumnado matriculouse nas seguintes materias: 21 en música e movemento; 3 en canto; 4 en guitarra; 6 en violín; 4 en batería, e 1 en frauta. Este ano incrementouse o número de usuarios/as que se matricularon neste servizo municipal. No décimo aniversario da Escola Municipal de Música de Ames superáronse por primeira vez as 200 matrículas.
A media de matriculados/as na EMMA está en 155 persoas por curso, que non está nada mal. No seu primeiro ano de existencia a escola de música tivo 182 alumnos/as matriculados. Durante os seguintes cursos o número de usuarios foi de 95, 119, 124, 96, 145, 194, 190 e 193 alumnos/as ata chegar aos 206 deste curso.
A través deste servizo municipal ofréceselle aos nenos e nenas amienses, desde hai dez anos, a oportunidade de aprender a tocar un instrumentos ou continuar estudos musicais. Ademais, a Escola Municipal de Música de Ames segue innovando ano tras ano e introducindo novas materias no programa educativo.
A oferta educativa da Escola Municipal de Música de Ames (EMMA) como sempre, estará orientada a nenos/as de 4 anos en adiante. Para os nenos e nenas de 4 a 7 anos impártense clases de música e movemento. Estas son clases colectivas de 10-12 alumnos/as. Trátase dunha materia na que se fai unha introdución á música. A través do xogo os nenos/as achéganse á música. Empréganse ferramentas básicas para un ensino musical eficaz en anos posteriores. O alumnado está dividido en tres grupos que se establecen sempre atendendo o criterio da idade.
Esta materia está dividida a súa vez en tres apartados: iniciación á música; audicións; e instrumentos tradicionais. Está impartida en dúas sesións semanais de 60 minutos de duración, nas que unha das clases se dedica á iniciación a música, mentres que a outra está dividida en dúas partes: 30 minutos dedicados a audicións e os outros 30 minutos a instrumentos tradicionais.
Para as persoas de 7 anos en diante (sen límite de idade) impártense clases de instrumento e linguaxe musical ou música para adultos. As clases de instrumento son individuais de media hora á semana, e as de linguaxe musical ou música para adultos son clases colectivas (10-12 alumnos/as) unha hora á semana. Impártense clases de piano, guitarra, violín, percusión-batería, saxofón, frauta e canto.
Ademais destas clases, para os alumnos/as matriculados na escola, hai clases colectivas de coro, combo, orquestra de frautas, agrupacións de violíns. Nas que se pode participar, cando xa se acada un nivel de coñecementos, e baixo o criterio dos profesores. Todas as clases se imparten nas aulas do Centro multiusos de Aldea Nova, polas tardes, a partir das 16:00 horas.





