Pestanas principais

A Escola Municipal de Música de Ames rexistra 191 matriculados de cara ao vindeiro curso

Venres, 19 de agosto de 2011

[19-08-2011] A Escola Municipal de Música de Ames, dependente da Concellería de Cultura, rexistrou un total de 191 matriculados de cara ao vindeiro curso académico. Deste xeito, 38 rapaces e rapazas asistirán a clases de música e movemento, 27 irán a frauta, 34 a guitarra, 11 asistirán a clases de percusión, 10 irán a saxofón, 17 a violín, 7 irán a clases de canto, e 44 serán alumnos de piano. Case 100 alumnos de instrumentos matriculáronse tamén en clases de linguaxe musical, ademais de 7 rapaces e rapazas que só están matriculados nesta última modalidade. A finais de setembro haberá unha reunión informativa para pais/nais e alumnos/as da escola. A convocatoria para esta reunión farase a través dun aviso na web municipal do concello, e non por carta coma se fixo outros anos. As clases na EMMA (Escola Municipal de Música de Ames) comezarán a semana do día 3 de outubro.

A oferta educativa da Escola Municipal de Ames (EMMA) como sempre, estará orientada a nenos/as de 4 anos en adiante. Para os máis pequenos, que non poden comezar aínda cun instrumento musical, ofrecéselles a clase de música e movemento, que consiste nunha especie de iniciación á musica para os grupos de nenos/as que teñen de 4 a 7 anos.

Para os maiores de 7 anos a EMMA seguirá ofrecendo as mesmas clases que se veñen desenvolvendo en cursos anteriores como é linguaxe musical (solfexo), recomendable para todos aqueles matriculados nun instrumento e as clases de combo ou conxunto instrumental de música moderna.

Ademais impartiranse clases para a práctica de diferentes instrumentos. Así, poden asistir aqueles nenos/as que desexen aprender a tocar ou mellorar a súa técnica no piano, guitarra, frauta, violín, percusión e batería ou saxofón. E por último, ofértanse varias prazas para as clases individuais de canto moderno, que están dirixidas para nenos/as a partir dos 11 anos, e que teñen unha duración dunha hora á semana.

Mantense o número de prazas

Deste xeito, mantense o número de matriculados xa que durante o curso pasado foron 194 os alumnos que cursaron estudos na EMMA. A media de matriculados/as está en 143 persoas por curso, que non está nada mal. No seu primeiro ano de existencia a escola de música tivo 182 alumnos/as matriculados. Durante os seguintes cursos o número de usuarios foi de 95, 119, 124, 96, 145, 194 alumnos/as e durante o vindeiro curso serán 191.

As clases impártense no IES de Ames, no CEP de Ventín, no Pazo da Peregrina e na Casa da cultura do Milladoiro onde os/as nenos/as aprenderán a tocar e mellorar a súa técnica no piano, guitarra, frauta, violín, percusión e saxofón. O horario de cada neno/a establecerao a mestra ou o mestre en función da idade e dos coñecementos de cada un deles. En canto aos instrumentos máis demandados este ano son frauta, guitarra e piano.

A través deste servizo municipal ofréceselle aos nenos e nenas amienses, desde hai varios anos, a oportunidade de aprender a tocar un instrumentos ou continuar estudos musicais. Ademais a dirección da Escola Municipal de Música de Ames segue innovando ano tras ano e introducindo novas materias no programa educativo.


Contido relacionado


La Voz de Galicia: "La escuela amiense de música tendrá 191 alumnos el próximo curso"