[03-11-2011] O actual goberno local de Ames dotou á Escola Municipal de Música dunha sede fixa e está tramitando o seu rexistro. A EMMA estaba sen rexistrar e non contaba cun local propio polo que ata o de agora non optaba a ningunha subvención doutra institución distinta ao Concello, algo que cambiará coa nova situación da Escola. Dende a Concellería de Cultura fixéronse as xestións necesarias para que a EMMA non dependa de locais alugados que ademais non estaban acondicionados de xeito óptimo para desenvolver esta actividade. A ubicación definitiva que elixiron dende o goberno de Santiago Amor é o edificio de usos múltiples de Aldea Nova, que “se escolleu despois de barallar varias propostas, co aval técnico e a recomendación dos profesores e da nova dirección da Escola así coma da gran maioría dos pais e nais que estaban agardando por unha sede definitiva dende hai anos” afirmou o concelleiro de Cultura Alfonso Rey, quen tamén dixo que con esta xestión “os costes de mantemento das instalacións proporcionarán agora un beneficio posto que estas instalacións serán empregadas a diario polo alumnado da Escola Municipal de Música”.
O Edificio de usos múltiples de Aldea Nova foi acondicionado para as clases que ata o de agora se estiveron impartindo no IES de Bertamiráns. As principais actuacións que se levaron a cabo nas aulas foi a insonorización do teito e a cobertura das paredes con paneis acústicos. O Concello ademais dotou ás catro aulas que se empregarán para dar clases de diverso material musical que o anterior goberno tiña abandonado nun almacén nos baixos do local do departamento de Educación. Segundo o concelleiro de Cultura, Alfonso Rey, había dous pianos, unha batería, un amplificador, cables para micro, soportes de micros, pes de mesa, cascos e incluso unha mesa de son que estaban sen utilizar, e agora se poñen a disposición da EMMA.
As instalacións que albergarán a Escola Municipal de Música atópanse na urbanización de Aldea Nova, a pouca distancia do núcleo de Bertamiráns e a tan só seis quilómetros do Milladoiro. O edificio de usos múltiples de Aldea Nova estaba ata o de agora "infrautilizado" segundo Alfonso Rey, e é unha "boa opción para reubicar actividades polas que se estaba pagando alugueiros como é o caso da EMMA".
As clases na Emma comezan esta tarde para arredor de 140 rapaces e rapazas que empregarán as instalacións de Aldea Nova. Os luns a partir das seis e media impártense na sede da EMMA en Aldea Nova clases de piano e pintura, os mércores ás catro da tarde hai clases de saxofón, percusión e canto; e ás catro e media impártese música en movemento. O xoves ás catro e media hai clases de violín, guitarra, linguaxe musical, e piano. E os venres impartirase ás catro da tarde piano, e a partir das catro e media música en movemento.
Contido relacionado
La Voz de Galicia: "La escuela amiense de música estrena el centro de Aldea Nova como sede permanente"
El Correo Gallego: "A Escola Municipal de Música de Ames estrea sede permanente no edificio de usos múltiples de Aldea Nova"