Pestanas principais

A Escola Municipal de Música de Ames despide o curso cun concerto na Casa da Cultura do Milladoiro

Xoves, 18 de xuño de 2015

[18-06-2015] O auditorio da Casa da Cultura do Milladoiro acolle este venres, 19 de xuño, o concerto de fin de curso da Escola Municipal de Música de Ames (EMMA). O evento comezará ás 20:00 horas e nel participarán máis de 100 alumnos/as da escola que tocarán uns vinte temas musicais. Este concerto clausurará o curso 2014-2015 e servirá para mostrarlles ás familias do alumnado e á veciñanza en xeral o traballo que se desenvolveu durante estes oito últimos meses na EMMA. Ademais, durante esta semana realizáronse audicións de saxofón, guitarra, frauta, violín, piano, percusión e frauta no auditorio da Casa da Cultura do Milladoiro.

O principal obxectivo deste concerto é que os alumnos e alumnas da escola poidan poñer en práctica as destrezas que adquiriron cos seus instrumentos durante este curso. Aos nenos e nenas failles unha especial ilusión tocar diante dos seus pais e nais, pero tamén para toda a veciñanza en xeral que desexe gozar do concerto.

Máis de 100 alumnos e alumnas interpretarán uns vinte temas musicais. Neste concerto intervirá o alumando de música e movemento; canto; os grupos de violíns, saxofóns, frautas e guitarras; a orquestra de frautas e percusión; e os grupos de combo xuvenil e de adultos.

Wrecking ball (Miley Cyrus), Knocking on heavens door (Bob Dylan), Oh happy day (versión Sister Act 2), La Valse d'Amelie (BSO da película Amelie), Stairway to heaven (Led Zeppelin) ou Secrets (One Republic) son algunhas das pezas musicais que se escoitarán da man dos músicos amesás que están matriculados na EMMA.

Ademais, esta semana a Casa da Cultura do Milladoiro acolleu varias audicións para que o alumnado se acostume a actuar nun auditorio e lle perda o medo ao escenario. Deste xeito, o luns 15 de xuño houbo audicións de saxofón, guitarra, frauta e violín, mentres que este xoves, 18 de xuño, realizáronse as audicións de piano, percusión e frauta.