[15-04-2015] A Escola Municipal de Música de Ames (EMMA) celebra o seu décimo aniversario cun completo programa de actividades para o alumnado. A primeira cita terá lugar mañá xoves ás 20:30 horas no auditorio da Casa da Cultura de Bertamiráns. Trátase dunha charla informativa sobre os cursos de verán musicais en Alemaña, os “Melodius Camps”, que será impartida por Benita Von Carlowitz, directora do proxecto. Dende a escola sinalan que a conferencia será “toda unha oportunidade para coñecer de cerca a maneira de traballar deste país e a súa cultura musical”.
Na segunda das iniciativas o alumnado da EMMA poderá asistir a unha xornada desenvolvida polos “Amigos da Ópera de Santiago de Compostela”, que os achegará a este xénero musical. Será o vindeiro venres 24 de abril. Ademais, o día 29 de maio, os músicos ofrecerán un concerto na residencia da terceira idade O Castro, de Teo. A finalidade desta actuación é achegarlle a música ás persoas maiores compartindo con elas un tempo agradable.
O persoal do centro indica que as clases habituais substitúense por estas xornadas co obxectivo de “enriquecer e completar a educación musical dos alumnos”. Todas elas van dirixidas aos músicos do centro e aos seus pais.
Máis de 200 alumnos
As matrículas da Escola Municipal de Música de Ames increméntanse cada ano e na actualidade conta cuns 210 alumnos. “Ao longo destes dez anos –apuntan dende a escola– o número de alumnos aumentou e fóronse creando numerosas agrupacións de músicos. O traballo e o seu bo facer reflíctese anualmente nos concertos de fin de curso”.
A EMMA está situada no Centro Multiusos de Aldea Nova e diariamente ofrece clases de piano, violín, saxofón, percusión, frauta e guitarra. Tamén se imparten ensinanzas de linguaxe musical e para os pequenos de entre 4 e 6 anos danse clases de Música e Movemento.
Contido relacionado

La Voz de Galicia: "Charla sobre los cursos de verano de la escuela de música en Alemania"




