[18-01-2012] Dende o día 19 de xaneiro a Escola Municipal de Música de Ames, que depende da Concellaría de Cultura, Educación e Patrimonio, abre un novo prazo de matrícula para cubrir novas prazas durante este curso. As clases comezarán o día 1 de febreiro e os interesados poderán inscribirse tanto nas clases de música e movemento, para nenos e nenas de entre 4 e 7 anos, como de linguaxe musical ou práctica instrumental (guitarra, percusión ou batería e violín). O prazo para matricularse estará aberto ata o día 27 de xaneiro. No caso de haber máis inscritos que prazas realizarase un sorteo o propio venres 27 de xaneiro, ás 20:30 horas, na Casa da Cultura do Milladoiro. Será preciso acudir ao sorteo ou mandar algunha persoa en representación.
Unha vez máis, os rapaces e rapazas do concello que o desexen teñen a oportunidade de incorporarse á Escola Municipal de Música de Ames para comezar ou ampliar os seus estudos na arte musical. Para iso, tan só é necesario estar empadroado no municipio e matricularse entre o día 19 e o 27 de xaneiro na Casa da Cultura do Milladoiro, en horario de 9:30 h. a 13:00 horas, ou no Pazo da Peregrina en Bertamiráns, en horario de 9:00 h. a 14:00 horas.
As persoas interesadas en matricularse na Escola Municipal de Música de Ames só teñen que achegar cuberto o impreso 1 correspondente á solicitude de matrícula. Despois do sorteo (se é preciso facelo, e se non tamén), haberá que entregar as fotos, o resgardo do ingreso do importe da matrícula (impreso 2) e o impreso de domiciliación bancaria cuberto (impreso 3). Os nenos e nenas que estean interesados poderán presentar a solicitude para varios instrumentos e farase unha lista de agarda por se quedara algunha praza libre antes de que remate o curso no mes de xuño. A devandita lista non tería validez para o próximo curso. Premendo nos enlaces que están a túa dereita, baixo o apartado de descargas, poderás obter os impresos de matrícula e un documento de información das prazas que se ofertan.
As clases comezaron no mes de outubro pero sempre se abre unha segunda quenda de matrícula para cubrir as prazas que quedaron libres. Neste novo prazo de matrícula cóbrense aquelas prazas que quedaron baleiras despois das baixas producidas dende o mes de outubro ata xaneiro. A EMMA oferta leccións de música e movemento, dirixidas aos cativos de catro a sete anos, como de linguaxe musical, práctica instrumental, canto moderno e combo (conxunto instrumental de música moderna) para rapaces e rapazas maiores de sete anos. Para poder matricularse en instrumento é preciso ter cumpridos os 7 anos no ano 2011. Nesta segunda quenda de matrícula ofrécense 13 prazas para asistir a clases de música e movemento, linguaxe musical, guitarra, percusión ou batería e violín.
Prazas ofertadas
Na modalidade de música e movemento, que se imparte no Multiusos de Aldea Nova os mércores e venres en horario de 18:30 a 19:30 horas, ofértanse 2 prazas. Na materia de linguaxe musical ofrécense 4 prazas. Estas clases impártense os xoves nas instalacións do Multiusos de Aldea Nova. Para as clases de guitarra ofértanse un total de 4 prazas divididas en diferentes horarios (para as clases que se imparten no Multiusos de Aldea Nova, os martes de 18:00 a 18:30, horas ofrécese unha praza; para as clases que se imparten no Colexio de Ventín, os luns de 17:45 a 18:15 horas, ofrécese unha praza; para as clases que se imparten no Colexio de Ventín, os mércores de 20:30 a 21:00 horas, ofrécese unha praza; e para as clases que se imparten no Colexio de Ventín os mércores, de 21:00 a 21:30 horas, ofrécese unha praza).
Para o instrumento de percusión ou batería, que se imparte no Multiusos de Aldea Nova, os mércores, de 17:30 a 18:00 horas, hai dispoñible unha praza. Por último, para as clases de violín ofértanse dúas prazas para poder optar a tres posibles horarios. Para os martes hai dous horarios dispoñibles, de 18:00 a 18:30 horas ou de 20:00 a 20:30 horas, mentres que os xoves pódese acudir de 16:00 a 16:30 horas.
A través deste servizo os rapaces e rapazas amienses teñan a oportunidade de adquirir coñecementos teóricos e prácticos na música e axudar desta forma na súa formación artística. Os rapaces e rapazas que se matriculen este mes na EMMA comezarán as clases o vindeiro día 1 de febreiro (seguirase o calendario escolar).
A admisión do alumnado no caso de existir máis demanda que número de prazas ofertadas será por sorteo público, que se realizará o venres 27 de xaneiro, ás 20:30 horas, na Casa da Cultura do Milladoiro. Será preciso acudir ao sorteo ou mandar algunha persoa en representación.
Para responder a calquera tipo de dúbida ou pregunta sobre os cursos da EMMA, os interesados teñen á súa disposición o número de teléfono 981 535 940 en horario de 9:30 h. a 13:00 horas de luns a venres. Así mesmo, os que o prefiran poden tamén enviar un correo electrónico á responsable da Escola de Música escolademusica@concellodeames.org