[02-02-2011] Dende o día 7 de febreiro a Escola Municipal de Música de Ames, que depende da Concellaría de Cultura, abre un novo prazo de matrícula para cubrir novas prazas durante este curso. As clases comezarán o día 1 de marzo e os interesados poderán inscribirse tanto nas clases de música e movemento, para nenos e nenas de entre 4 e 7 anos, como de instrumento, para os nenos e nenas de 7 anos en diante. O prazo para matricularse estará aberto ata o día 11 de febreiro. No caso de haber máis inscritos que prazas realizarase un sorteo o mércores 16 de febreiro na Casa da Cultura do Milladoiro, ás 20:30 horas. Será preciso acudir ao sorteo ou mandar algunha persoa en representación. Para máis información poden enviar un correo electrónico a escolademusica@concellodeames.org ou chamar ao número 981 535 940. Os impresos de domiciliación bancaria e de pagamento son informativos xa que non hai que entregalos nin efectuar o correspondente pago ata que se confirme que o neno/a inscrito dispón de praza.