Pestanas principais

A Escola Municipal de Música de Ames abre o prazo de preinscrición para as novas prazas do curso 2019-2020

Mércores, 29 de maio de 2019

A Escola Municipal de Musica de Ames, dependente da Concellaría de Cultura, abre entre o 29 de maio e o 10 de xuño o prazo de preinscrición para as novas prazas do curso 2019-2020. Este período de preinscrición está dirixido ás persoas que desexen comezar estudios musicais na EMMA. No caso de que haxa máis persoas inscritas que prazas ofertadas realizarase un sorteo público o mércores, 12 de xuño, ás 20:30 horas, na Casa da Cultura do Milladoiro. Premendo nos enlaces que están a túa dereita, baixo o apartado de descargas, poderás obter máis información sobre as novas prazas da EMMA, así como o impreso de preinscrición.

A Escola Municipal de Música de Ames abre un segundo prazo de inscrición para todas aquelas persoas que desexen comezar estudios musicais. Durante o mes de maio abriuse un primeiro prazo de renovación de prazas, que estivo dirixido exclusivamente aos alumnos/as da Escola para a continuación de estudios. Agora, ofértanse novas prazas para todas as persoas que desexen inscribirse por primeira vez na EMMA. Para poder inscribirse na Escola de Música é imprescindible estar empadroado no Concello de Ames.

O período de preinscrición abrangue do 29 de maio ao 10 de xuño. A documentación para realizar a preinscrición poderá recollerse de xeito presencial na Casa da Cultura do Milladoiro, de luns a venres, en horario de 9:30 a 13:30 horas, ou no Pazo da Peregrina, situado en Bertamiráns, de luns a venres, en horario de 9:00 a 14:00 horas. Ademais, os impresos de preinscrición tamén se poden descargar na sección de AVISOS da páxina web municipal.

Os impresos deberán entregarse debidamente cubertos no rexistro da Oficina Municipal do Milladoiro; no rexistro auxiliar do Pazo da Peregrina; no rexistro xeral da Casa do Concello, estes dous últimos situados en Bertamiráns, de luns a venres, en horario de 9:00 a 14:00 horas. Tamén se poden presentar a través do rexistro electrónico. Non se admitirán solicitudes fóra de prazo. No caso de que haxa máis persoas inscritas que prazas ofertadas realizarase un sorteo público o mércores, 12 de xuño, ás 20:30 horas, na Casa da Cultura do Milladoiro. Despois do sorteo, poranse en contacto coas persoas que obtiveron praza, para que por orde elixan os horarios, dentro dos que haxa dispoñibles.

Prazo de matrícula
Despois do sorteo, abrirase un prazo de matrícula ata o 21 de xuño para que os alumnos/as que obtiveron praza a confirmen. Terán que efectuar o pagamento do importe da matrícula. Para iso recibirán por correo electrónico (ou poderán pasar pola oficina de recadación do Concello de Ames ou pola oficina da Escola de Música, situada na Casa da Cultura do Milladoiro) a folla de autoliquidación da taxa de matrícula, coa que terán que achegarse a algunha das entidades bancarias correspondentes para facer o ingreso. Unha vez pagada, deberán entregar no rexistro o resgardo de pago da autoliquidación da matrícula.

Coas persoas que non obtiveron praza elaborarase unha lista de agarda para o curso 2019-2020 co obxectivo de cubrir posibles baixas. Para obter máis información poden poñer en contacto coa oficina da Escola de Música no Milladoiro, de luns a venres, en horario de 9:30 a 13:30 horas, chamando ao número de teléfono 981 535 940 ou enviando un correo electrónico ao enderezo escolademusica@concellodeames.gal.

Na Escola de Música de Ames impártense clases de música e movemento; instrumento; canto moderno; e linguaxe musical. O comezo das clases será a principios de setembro. Colocarase un aviso na web do Concello de Ames, coa data de reunión de inicio de curso e o comezo das clases. As clases impartiranse no Edificio Multiusos de Aldea Nova. Seguirase o calendario escolar (non haberá clases nas vacacións de Nadal, de Entroido e de Semana Santa).

A Escola Municipal de Música de Ames abre o prazo de preinscrición para as novas prazas do curso 2019-2020

Multimedia

  • A Escola Municipal de Música de Ames abre o prazo de preinscrición para as novas prazas do curso 2019-2020