Pestanas principais

A Escola Municipal de Música de Ames abre o prazo de inscrición para as novas prazas do curso 2013-2014

Venres, 07 de xuño de 2013

[07-06-2013] A Escola Municipal de Musica de Ames, dependente da Concellaría de Cultura, abre entre o 10 e o 21 de xuño o prazo de inscrición para as novas prazas do curso 2013/2014. Este período de inscrición está dirixido ás persoas que desexen comezar estudios musicais na EMMA. No caso de que haxa máis persoas inscritas que prazas ofertadas realizarase un sorteo público, ao que é preciso asistir, o mércores 26 de xuño, ás 16:30 h, na Casa da Cultura do Milladoiro. A Escola, que remata as clases o próximo día 21 de xuño, fará como todos os anos a actuación de fin curso, ese mesmo día ás 19:30 horas, na Casa da Cultura do Milladoiro. Premendo nos enlaces que están a túa dereita, baixo o apartado de descargas, poderás obter máis información sobre as novas prazas da EMMA, así como os impresos de matrícula, pagamento e domiciliación bancaria.

A Escola Municipal de Música de Ames abre un segundo prazo de inscrición para todas aquelas persoas que desexen comezar estudios musicais. Durante o mes de maio abriuse un primeiro prazo de renovación de prazas, que estivo dirixido exclusivamente aos alumnos/as da Escola para a continuación de estudios. Nese período, un total de 167 persoas renovaron a súa praza de cara ao curso escolar 2013-2014. Agora, ofértanse máis de 40 prazas para todas as persoas que desexen inscribirse por primeira vez na EMMA. Para poder inscribirse na Escola de Música é imprescindible estar empadroado no Concello de Ames.

O período de renovación de prazas abrangue dende o 10 ata o 21 de xuño. A documentación para realizar a preinscrición poderá recollerse de xeito presencial na Casa da Cultura do Milladoiro, de luns a venres, en horario de 9:30 a 13:00 horas, ou no Pazo da Peregrina, situado en Bertamiráns, de luns a venres, no mesmo horario, de 9:00 a 14:00 horas. Ademais, os impresos de preinscrición tamén se poden descargar na sección de AVISOS da páxina web municipal.

Os impresos deberán entregarse debidamente cubertos no rexistro da Oficina Municipal do Milladoiro; no rexistro auxiliar do Pazo da Peregrina; ou no rexistro xeral da Casa do Concello, estes dous últimos situados en Bertamiráns, de luns a venres, en horario de 9:00 a 14:00 horas. Tamén se poderán presentar o sábado 15 de xuño no rexistro xeral do Concello, en horario de 9:00 a 14:00 horas. Non se admitirán solicitudes fóra de prazo.

No caso de que haxa máis persoas inscritas que prazas ofertadas realizarase un sorteo público, ao que é preciso asistir, o mércores 26 de xuño, ás 16:30 h, na Casa da Cultura do Milladoiro. No sorteo terase en conta a orde de preferencia dos instrumentos e posteriormente se fora necesario, sortearanse os horarios.

Prazo de matrícula
Despois do sorteo, abrirase un prazo de matrícula entre o 1 e o 5 de xullo para que os alumnos/as que obtiveron praza a confirmen. Terán que efectuar o pagamento do importe da matrícula. Para iso recibirán por correo electrónico (ou poderán pasar pola oficina de recadación do Concello de Ames ou pola oficina da Escola de Música, situada na Casa da Cultura do Milladoiro) a folla de autoliquidación da taxa de matrícula, coa que terán que achegarse a algunha das entidades bancarias correspondentes para facer o ingreso.

Coas persoas que non obtiveron praza elaborarase unha lista de agarda, só para o curso 2013-2014, para cubrir baixas. Para obter máis información poden poñer en contacto coa oficina da Escola de Música no Milladoiro, de luns a venres, en horario de 9:00 a 13:00 horas, chamando aos números de teléfono 981 883 002-981 535 940, extensión 2300.

Materias ofertadas
Pódense matricular na escola todas as persoas empadroadas en Ames de 4 anos en diante. De 4 a 7 anos poden matricularse nas clases de música e movemento. Estas son clases colectivas de 10-12 alumnos/as. Trátase dunha materia na que se fai unha introdución e achegamento á música. A través do xogo os nenos/as achéganse á música. Empréganse ferramentas básicas para un ensino musical eficaz en anos posteriores. O alumnado está dividido en tres grupos que se establecen sempre atendendo o criterio da idade. Esta materia está dividida a súa vez en tres apartados iniciación á música; audicións; e instrumentos tradicionais. Está impartida en dúas sesións semanais de 60 minutos de duración, nas que unha das sesións se dedica á iniciación a música, mentres que a outra sesión divídese en 30 minutos dedicados a audicións e os outros 30 minutos a instrumentos tradicionais.

Para as persoas de 7 anos en diante (sen límite de idade) impártense clases de instrumento e linguaxe musical ou música para adultos. As clases de instrumento son individuais de media hora á semana, e as de linguaxe musical ou música para adultos son clases colectivas (10-12 alumnos/as) unha hora á semana. Impártense clases de piano, guitarra, violín, percusión-batería, saxofón, frauta e canto. Ademais destas clases, para os alumnos/as matriculados na escola, hai clases colectivas de coro, combo, orquestra de frautas, agrupacións de violíns. Nas que se pode participar, cando xa se acada un nivel de coñecementos, e baixo o criterio dos profesores. Todas as clases se imparten nas aulas do Centro multiusos de Aldea Nova, polas tardes, a partir das 16:00 horas.