Pestanas principais

A Escola Municipal de Musica cumpre dez anos acadando record de alumnado

Luns, 15 de setembro de 2014

[15-09-2014] 213 alumnos e alumnas estudarán este curso na EMMA (Escola Municipal de Música). Por segundo ano consecutivo a escola, que depende da Concellaría de Cultura, incrementa o numero de inscritos, superando os douscentos e acadando deste xeito o seu record de matrícula no mesmo ano no que se cumpre o décimo aniversario da súa posta en funcionamento. A EMMA admite alumnos e alumnas desde os catro anos de idade. Ata os sete anos impártense clases de Música e Movemento e a partir de aí, e sen límite de idade, impártense clases de instrumento, linguaxe musical e música para adultos As clases de instrumento son individuais, de media hora á semana, e as de linguaxe musical ou música para adultos son clases colectivas nas que participan entre 10 e 12 estudantes. Na EMMA impártense clases de piano, guitarra, violín, viola, percusión-batería, saxofón, frauta e canto moderno Unha vez que se acada un nivel de coñecementos básicos, e baixo o criterio dos profesores, o alumnado ten tamén a oportunidade de participar en clases colectivas de coro, combo, orquestra de frautas e agrupación de violíns. As clases na EMMA comezan hoxe no Centro Multiusos de Aldea Nova.

Todas as clases da Escola Municipal de Música impártense polas tardes, a partir das 16:00 horas, en aulas do Centro multiusos de Aldea Nova. O programa deste servizo municipal segue o calendario escolar. Polo tanto, como ven sendo habitual, non haberá clases nas vacacións de Nadal, Entroido e Semana Santa. Dentro das medidas adoptadas para mellorar o funcionamento da Escola Municipal de Música inclúese o nomeamento dun coordinador que traballa en colaboración co persoal municipal adscrito a este servizo municipal.

Para o curso 2014-2015 rexistráronse un total de 213 matrículas. Para a materia de música e movemento hai un total de 37 inscritos/as, mentres que ás clases de violín asistirán 27 persoas (un destes alumnos tamén irá a canto). Nas clases de saxofón están matriculadas 11 persoas; en batería/percusión 16 alumnos/as; en frauta 32 (dous tamén irán a canto); en piano 43 persoas; e en guitarra 32 (2 destes nenos/as tamén asistirán as clases de canto).

Por outra banda, un total de 4 alumno/as só asistirán ás clases de linguaxe musical e 11 rapaces e rapazas só irán ás clases de canto. A maioría dos alumnos/as que están matriculados en instrumento irán tamén ás clases de linguaxe musical ou música para adultos (118 aproximadamente). Tamén hai clases en grupo gratuítas para os alumnos/as da escola, como son as clases de coro, os combos e as agrupacións de frautas/saxos e violíns.

Por segundo ano consecutivo supéranse os 200 alumnos/as  

Este ano incrementouse de novo o número de usuarios/as que se matricularon neste servizo municipal. No décimo primeiro aniversario da Escola Municipal de Música de Ames superáronse por segundo ano consecutivo as 200 matrículas.   A media de matriculados/as na EMMA está en 160 persoas por curso. No seu primeiro ano de existencia a escola de música tivo 182 alumnos/as matriculados. Durante os seguintes cursos o número de usuarios foi de 95, 119, 124, 96, 145, 194, 190, 193 e 206 alumnos/as ata chegar aos 213 deste curso.  

A través deste servizo municipal ofréceselle, desde hai once anos, á veciñanza amiense a oportunidade de aprender a tocar instrumentos ou continuar estudos musicais. Ademais, a Escola Municipal de Música de Ames segue innovando ano tras ano e introducindo novas materias no programa educativo.  

Para a concelleira de Cultura, María Eugenia Martín Vicente “o incremento ano a ano no número de matrícula é un claro exemplo do bo funcionamento da Escola e do traballo que día a día fai o profesorado tanto nas clases, como ofrecendo a posibilidade de que, a través dos combos e das agrupacións de músicos que poñen en marcha, mellore a formación do alumnado”. A concelleira valora tamén o labor de integración familiar que fai a Escola, “cuxo reflexo máis palpable é a circunstancia de que en moitos casos pais/nais e fillos/as acudan xuntos ás clases”.