Pestanas principais

A Escola Municipal de Adultos remata o primeiro cuadrimestre

Mércores, 16 de febreiro de 2011

[16-02-2011] O alumnado da Escola Municipal de Adultos realizou os días 31 de xaneiro e 1 de febreiro os exames do primeiro cuadrimestre. Tras obter uns bos resultados, os 35 alumnos matriculados neste servizo afrontan xa o segundo cuadrimestre no que continuarán cos diversos módulos de aprendizaxe ou prepararán o exame libre de xuño. O balance do primeiro cuadrimestre é positivo posto que o 23% do alumnado superou os exames que dan acceso ao seguinte modulo do curso. O resto do alumnado tamén conseguiu aprobar algún dos ámbitos correspondentes do curso. Estes alumnos e alumnas van preparar o exame libre de xuño. Os próximos exames parciais terán lugar en abril. Este programa está cofinanciado pola Xunta de Galicia.

A Escola Municipal de Adultos leva desde o curso 2004-2005 axudando a persoas maiores de dezaoito anos do concello a obter o título de educación secundaria superando os exames necesarios. As clases deste servizo, que está impulsado pola Concellaría de Educación e Servizos Complementarios, son impartidas no IES de Ames. O primeiro cuadrimestre deste curso vén de rematar cos exames dos días 31 de xaneiro e do 1 de febreiro, onde os alumnos e alumnas que se presentaron obtiveron uns bos resultados. A asistencia ás aulas foi bastante regular por parte das persoas inscritas durante o primeiro cuadrimestre.

Neste curso son 35 os alumnos matriculados, que ou ben mediante os diversos módulos que conteñen toda a materia necesaria para superar a ESO ou ben preparando directamente o exame libre de xuño, tentarán de obter o título de educación secundaria. Este ano, a respecto de anteriores edición, aumentou o número de homes inscritos, co cal practicamente se iguala ao de mulleres. Ademais, constátase unha importancia presenza, de arredor dun 40%, de persoas menores de 25 anos, o cal tamén supón un aumento sobre outros anos.

O balance do primeiro cuadrimestre é positivo posto que o 23% do alumnado superou os exames que dan acceso ao seguinte modulo do curso. Concretamente, 8 alumnos/as pasaron directamente ao último módulo. Deses 8 alumnos/as, a 2 xa só que queda por aprobar unha materia para obter o título de educación secundaria. O resto do alumnado tamén conseguiu aprobar algún dos ámbitos correspondentes do curso. Estes alumnos e alumnas van preparar o exame libre de xuño. Así o alumnado e mestres, comezan con folgos o segundo cuadrimestre que rematará no mes de xuño cos exames finais.

A Escola Municipal de Adultos non esixe asistencia obrigatoria, e esta vén dada en función das posibilidades de cada quen, xa que hai alumnado que compatibiliza un emprego coa formación. A matrícula permanece aberta ao longo do ano, co cal poden apuntarse aquelas persoas que só desexen realizar o exame final en xuño no IES San Clemente de Santiago de Compostela, malia que é recomendable a asistencia ás aulas desde outubro para ter maiores garantías de aprobar. Ademais durante o curso realízanse varios exames parciais.

Impártense catro módulos

O curso está dividido en dous cuadrimestres, e dentro destes hai catro módulos equivalentes aos catro cursos que conforman a Educación Secundaria Obrigatoria (ESO). Cada un dos módulos inclúe Comunicación (galego, castelán, terceiro idioma), Sociais e Científico-tecnolóxico. En abril terán lugar os vindeiros exames parciais. O día 11 serán as probas do módulo 1 e o módulo 2, mentres que o día 12 realizaranse as probas dos módulos 3 e 4. O exame final terá lugar en xuño.

As clases impártense ao longo da semana laboral en horario de 18:00 h. a 21:00 horas, agás os venres, cando teñen lugar entre as 17:30 h. e as 19:30 horas. O lugar é o IES de Ames. Á hora de organizar os cursos académicos, tense en conta o perfil de cada alumno/a, valorando factores que van desde a idade á formación inicial, dispoñibilidade persoal de asistencia ou a procedencia da persoa. Existe, ademais, un servizo de titoría clave á hora de preparar as probas finais.

A organización e a metodoloxía das clases da Escola Municipal de Adultos, que se imparten por sétimo ano consecutivo no Concello de Ames, está baseada na auto aprendizaxe dos alumnos en función das experiencias, necesidades e intereses que teñan e a través dunha ensinanza presencial que sirva de orientación para seleccionar os coñecementos considerados prioritarios para acadar os obxectivos desexados.

Entre os obxectivos xerais deste servizo están o de facilitar a adquisición e actualización da formación básica por parte das persoas adultas, así como o seu acceso aos distintos niveis do sistema educativo, mellorar a súa cualificación persoal e desenvolver a súa capacidade de participación na vida social, cultural, política e económica.

A nova noutros medios dixitais:

Contido relacionado


El Correo Gallego: "El 23% de los alumnos de la escuela de adultos de Ames pasa el cuatrimestre"
El Correo Gallego: "El 23% de los alumnos de la escuela de adultos de Ames pasa el cuatrimestre"
La Voz de Galicia: "La Escola de Adultos amiense cierra su primer cuatrimestre"
La Voz de Galicia: "La Escola de Adultos amiense cierra su primer cuatrimestre"