[07-11-2012] A Escola municipal de adultos botou a andar un ano máis con 25 persoas inscritas. Este servizo ofrece formación para obter o título de ensino secundario a todas aquelas persoas que teñen máis de 18 anos. As clases impartiranse de luns a xoves, en horario de 18:00 h. a 21:00 h, nunha aula do Centro de Servizos Múltiples de Aldea Nova. Esta iniciativa ofrece un servizo de titoría que lle axuda ao alumnado a preparar as distintas materias das que se terán que examinar. Os exames realizaranse no Instituto San Clemente de Santiago. Cada alumno ten a oportunidade de realizar dous cursos por ano académico. O prazo para matricularse está aberto permanentemente durante todo o ano. Este martes pasado o concelleiro de Educación, Bernardo Moar, visitou ao alumnado para comprobar como se están desenvolvendo as primeiras xornadas deste novo curso.
A Escola municipal de adultos axúdalles ás persoas maiores de 18 anos do concello a obter o título de educación secundaria preparando os exames necesarios. As clases deste servizo, que está impulsado pola Concellaría de Educación, son impartidas nunha das aulas do Centro de Servizos Múltiples do Concello en Aldea Nova. Neste momento son 25 os alumnos e alumnas matriculados, que ou ben mediante os diversos módulos que conteñen toda a materia necesaria para superar a ESO ou ben preparando directamente o exame libre de xuño, tentarán obter o título de educación secundaria.
Este martes pasado, 6 de novembro, o concelleiro de Educación, Bernardo Moar, visitou ao alumnado da Escola municipal de adultos para comprobar como se están desenvolvendo as primeiras sesións do curso 2012-2013. Moar animou a todas as persoas que están inscritas neste servizo a que se esforcen co fin de obter o título da ensinanza secundaria obrigatoria, xa que a formación é moi importante á hora de acceder ao mercado laboral. “Con esta iniciativa, e máis en tempo de crise, ofrecéselle a oportunidade a un gran número de persoas de mellorar o seu currículum e contar así con maior formación e posibilidades desde o punto de vista laboral”, explica Bernardo Moar.
Valórase o perfil de cada alumno/a
As clases impártense nunha aula do Centro de Servizos Múltiples do Concello en Aldea Nova ao longo da semana laboral, de luns a xoves en horario de 18:00 h. a 21:00 horas. Á hora de organizar os cursos académicos, tense en conta o perfil de cada alumno/a e valóranse factores que van desde a idade á formación inicial, dispoñibilidade persoal de asistencia ou a procedencia da persoa. Existe, ademais, un servizo de titoría clave á hora de preparar as probas finais.
O curso está dividido en dous cuadrimestres, e dentro destes hai catro módulos equivalentes aos catro cursos que conforman a Educación Secundaria Obrigatoria (ESO). Cada un dos módulos inclúe Comunicación (galego, castelán, terceiro idioma), Sociais e Científico-tecnolóxico. Unha boa mostra do éxito deste servizo é o número de aprobados que se producen todos os anos. Durante o curso 2011-2012 un total de 35 persoas participaron nesta escola, dos cales o 50% obtivo o título de ensino secundario.
A matrícula está aberta todo o ano
A Escola municipal de adultos non esixe asistencia obrigatoria, e esta queda función das posibilidades de cada quen, xa que hai alumnado que compatibiliza un emprego coa formación. A matrícula permanece aberta ao longo do ano, polo tanto poden apuntarse aquelas persoas que só desexen realizar o exame final en xuño no IES San Clemente de Santiago de Compostela, malia que é recomendable a asistencia ás aulas desde o comezo do curso para ter maiores garantías de aprobar. Ademais, durante o curso realízanse varios exames parciais. O primeiro exame parcial terá lugar os días 26 e 27 de novembro dependendo do módulo que curse cada un dos alumnos.
Todos os veciños e todas as veciñas de Ames maiores de 18 anos que desexen obter o Título de Graduado en Educación Secundaria, poden matricularse para este curso 2012-2013 no departamento de Educación, situado na praza do Concello en Bertamiráns e nas Oficinas Municipais do Milladoiro, na rúa de Abaixo, número 10. Ante calquera dúbida poden chamar ao departamento de Educación a través do número de teléfono 981 891 476.
Contido relacionado

El Correo Gallego: "Novo curso con 25 alumnos que buscan o título da ESO"




